Estás en: Portada / Organización / Secretaría Xeral / Servizos / Fundacións de Interese Galego / Realidade das Fundacións de Interese Galego

Realidade das Fundacións de Interese Galego

Nada facía prever na orixe histórica das fundacións, momento no que se distinguían polo seu carácter relixioso e caritativo, o importante papel que acadarían.

Día tras día contrástase que o sector público non pode ser omnipresente nin os recursos de carácter públicos son ilimitados, polo que a realidade foi desenvolvendo novas organizacións que axudan a cumprir ou satisfacer as necesidades actuais da sociedade. Neste sentido, é necesario destacar a importancia das fundacións na contribución á realización de fins de interese xeral, sendo a Comunidade Autónoma de Galicia un claro expoñente desta situación con un importante número de fundacións inscritas no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Na actualidade, as entidades sen ánimo de lucro en xeral, e as fundacións en particular, son o mellor exemplo do claro dinamismo da nosa sociedade e un instrumento de máxima utilidade para que particulares e entidades públicas afronten o compromiso de colaborar na realización do interese común de tódolos cidadáns.

O desenvolvemento económico impulsou a expansión e diversificación dos seus fins fundacionais, sendo cada vez máis representativos e acordes coa evolución social. Este factor, unido á imaxe positiva e boa acollida que teñen as fundacións, favoreceu e favorecerá o seu constante auxe. Neste sentido, o seu número e importancia crecen paralelamente ó desenvolvemento do seu prestixio e grao de influencia no noso contorno.

A realidade fundacional, consciente da súa responsabilidade social, aportará recursos humanos e económicos ó fin de contribuír á consecución dunha sociedade máis xusta, cohesionada e solidaria.