Listado de persoas prohibidas

O Listado de persoas prohibidas é un listado que permite que todas as persoas adultas que o desexen poidan cubrir un formulario e ser inscritas como persoa que, voluntariamente, renuncia a acceder a unha sala de bingo, a un casino ou a unha tenda de apostas.

Documentación que hai que presentar

  • Solicitude de inscrición no listado
  • Fotocopia do DNI, NIE ou pasaporte

 

A ter en conta

Non debe confundirse esta renuncia coas prohibicións normativas e que afectan nos salóns de xogo, bingos, casinos e tendas de apostas a menores de idade e a persoas maiores de idade que non se atopen en pleno uso da súa capacidade de obrar.

Non debe, así mesmo, confundirse esta renuncia con ningunha das seguintes prohibicións:

  • A de acceder a unha sala de bingo, a un casino ou a de formalizar apostas para as persoas que presenten síntomas de embriaguez, intoxicación por drogas ou alienación mental.
  • A de acceder a unha sala de bingo ou a de formalizar apostas para as persoas que porten armas ou obxectos que poidan utilizarse como tales.
  • A de formalizar apostas para os/as accionistas, partícipes ou titulares das empresas autorizadas para a organización e explotación das apostas, o seu persoal directivo e os/as seus/súas empregados/as.
  • A de formalizar apostas para os/as directivos das entidades participantes no acontecemento obxecto das apostas.
  • A de formalizar apostas para os/as deportistas, adestradores/as e participantes directos no acontecemento obxecto das apostas.
  • A de formalizar apostas para os/as xuíces ou árbitros que exerzan as súas funcións no acontecemento obxecto das apostas, así como as persoas que resolvan os recursos contra as decisións daqueles.
  • A de acceder a un casino para as persoas que, a xuízo do director do casino, poidan perturbar a orde, a tranquilidade e o desenvolvemento dos xogos ou poidan producir molestias ao resto de xogadores, por ter sucedido así en ocasións anteriores.

Tamén é diferente esta renuncia do dereito de admisión que teñan os locais de xogo autorizados.

 

Datos a ter en conta na inscrición no Listado de persoas prohibidas que leva a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior

  • As prohibicións terán carácter reservado.
  • A inscrición é voluntaria.
  • Existen formularios para solicitar a inscrición no Listado de persoas prohibidas que debe acompañarse de fotocopia do DNI, NIE ou pasaporte da persoa solicitante.
  • Presentación na Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, en calquera das xefaturas territoriais da consellería competente en materia de xogo, na sede electrónica da Xunta de Galicia ou en calquera dos lugares relacionados no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como ante o encargado do servizo de admisión nas propias salas de bingo, tendas de apostas e nos casinos.
  • As prohibicións terán unha duración mínima de un ano, e o seu levantamento requirirá da tramitación previa do oportuno expediente.

 

Control do acceso de persoas incluídas no Listado de persoas prohibidas

Será levado a cabo polo persoal dos locais de xogo autorizados responsable do servizos de admisión e control que deberán solicitar o DNI, NIE ou pasaporte a todas as persoas que pretendan acceder ao interior do local. O número do devandito documento será tecleado polo persoal encargado do control de acceso na plataforma web da Xunta de Galicia que devolverá como resposta se a persoa cuxo número de DNI ou documento equivalente está ou non incluído no Listado de persoas prohibidas.

 

Normativa aplicable

  • Regulamento do  Xogo do Bingo, aprobado mediante o Decreto de Galicia 181/2002, do 10 de maio. Artigos 41 ao 43.
  • Regulamento de Apostas, aprobado mediante o Decreto de Galicia 162/2012, do 7de xuño. Artigos 3, 47, 49 e 50.
  • Regulamento de Casinos, aprobado mediante o Decreto de Galicia 37/2016, do 17 de marzo. Artigos 33 e  35.
  • Decreto de Galicia 147/2013, do 19 de setembro, polo que se modifica o Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia. Disposición transitoria segunda.