Saúdo do vicepresidente e conselleiro

A coordinación dunha administración aberta, eficaz, transparente e austera constitúe un dos grandes desafíos das democracias contemporáneas. O Goberno galego non só asume o reto, senón que o sitúa á cabeza das súas prioridades, desde a consciencia de que os cidadáns esixen axilidade, tino e garantías na xestión dos seus recursos e intereses. O equipo completo da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza está comprometido con ese obxectivo, con facer da eficacia un parámetro de funcionamento que se estenda de maneira transversal a todos os departamentos da Xunta de Galicia.

A cooperación real coas administracións locais e provinciais, a coordinación dun sistema de emerxencias que ofreza seguridade aos cidadáns; o mantemento dunha relación áxil e fluída co Parlamento autonómico; a defensa dos intereses galegos na Unión Europea; o fomento dun sistema xudicial efectivo e acorde aos tempos; e o impulso da Escola Galega de Administración Pública que manteña actualizada a formación dos funcionarios, son as tarefas máis directas que temos por diante. Os galegos poden estar seguros de que serán os mellores xestores os que as levan a cabo.

Esa Administración moderna e eficaz que anhelamos tende necesariamente á eliminación dos papeis e á incorporación plena das novas tecnoloxías. Esta páxina web quere ser o exemplo do que perseguimos: unha Xunta de Galicia que estea á disposición dos cidadáns as 24 horas do día, que informe en tempo real de cada novidade e resolva con axilidade as súas inquedanzas. E sobre todo un punto de encontro que contribúa a facer desta unha Administración ao servizo dos galegos e en permanente contacto con eles.

 

Alfonso Rueda Valenzuela

Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza