Estás en: Portada / Organización / Direccións Xerais / Dirección Xeral de Xustiza / Servizos / Servizos de atención á vítima e á cidadanía

Servizos de atención á vítima e á cidadanía

No ano 2004 entraron en funcionamento os Servizos de atención á cidadanía e asistencia ás vítimas nos xulgados da Coruña e Pontevedra, e no ano 2008 dotouse dos Servizos Comúns de Atención ao Cidadán  e Asistencia á Vítima ás localidades do Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela e Vigo, consonte a Resolución do 15 de setembro da Dirección Xeral de Xustiza (DOG núm.187, do 26 de setembro), de xeito que todas a as cidades galegas contan xa con este servizo.

Este servizo supón unha atención personalizada ao cidadán (persoal e telefónica), adaptada ás súas propias características, mediante a orientación e axuda que precisen, tanto se o fan por instancia do órgano xudicial como se é por iniciativa propia.

Comprende non só información xeral (localización e competencia dos órganos xudiciais, procedementos, trámites, requisitos...), senón tamén un asesoramento especializado respecto dos trámites e documentos precisos para reclamar indemnizacións que lles correspondan, tanto nos casos de intervención no proceso sen ser partes (testemuñas, peritos), como nos casos das vítimas de delitos e faltas para obter a través do proceso penal a restitución, reparación ou indemnización  dos prexuízos producidos polo feito delituoso.

A atención personalizada implica, asemade, o tratamento de suxestións e queixas e a axuda para cubrir os formularios ou as solicitudes que os cidadáns poidan realizar directamente sen necesidade de representación, se ben, esta atención e información non pode entrañar unha interpretación normativa, consideración ou asesoramento xurídico para cuxo caso os cidadáns poderán dirixirse ao Servizos de Orientación Xurídica (S.O.X.) dos Colexios de Avogados.

Documentos relacionados

  • Servizos de Orientación Xurídica (S.O.X.) dos Colexios de Avogados (formato PDF)
  • Servizos Comúns de Atención ao Cidadán e Asistencia á Vítima - A Coruña (formato PDF)
  • Servizos Comúns de Atención ao Cidadán e Asistencia á Vítima - Pontevedra (formato PDF)
  • Servizos Comúns de Atención ao Cidadán e Asistencia á Vítima - Resto de cidades (formato PDF)