Un deles é sobre as implicacións xurídicas, foi elaborado polo Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga e considera que o acordo comercial pode ser obxecto de control xudicial polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea
O outro foi realizado pola Fundación MarInnLeg, analiza a incidencia na actividade pesqueira e analiza de forma pormenorizada os contidos do acordo en materia de pesca, comercio de produtos do mar, protección de investimentos e igualdade de condicións na actividade económica marítimo-pesqueira
Estas análises serán estudadas polo miúdo no grupo de traballo que se acordou crear no seo do Consello Galego de Pesca para concretar as accións a desenvolver desde a comunidade galega ante os efectos do acordo do brexit
Galicia considera moi negativo a curto, medio e longo prazo o acordo acadado sobre o brexit pois, entre outros aspectos, suporá que a frota británica non se vexa sometida a normativas comunitarias como a obriga de desembarque