Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A EGAP forma aos empregados públicos galegos en cumprimento normativo e en dereito das tecnoloxías da información

Cincuenta persoas iniciaron hoxe na Escola Galega de Administración Pública o curso monográfico Dereito TIC e Compliance

A directora da EGAP incidiu en que este tipo de actividades son esenciais para promover dentro do sector público a transparencia, a rendición de contas e o bo goberno

Santiago, 11 de xuño de 2019.- A Escola Galega de Administración Pública deu comezo esta tarde a un curso monográfico centrado no Dereito TIC e no cumprimento normativo que terá lugar en Santiago de Compostela durante o mes de xuño.

Esta actividade incidirá nos cambios normativos máis recentes que afectan ás novas tecnoloxías, coma o Regulamento xeral de protección de datos, e tamén naqueles aspectos esenciais do eido dixital coma o comercio electrónico, a propiedade intelectual ou os delitos tecnolóxicos. Ademais, o curso incluirá dous módulos centrados no compliance ou cumprimento normativo, facendo fincapé en materias concretas como a prevención da corrupción ou a cultura do cumprimento corporativo.

Durante a inauguración do monográfico a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, resaltou a importancia de convocar actividades formativas nestas materias, xa que resultan esenciais para promover dentro do sector público a transparencia, a rendición de contas e o bo goberno. Deste xeito, incidiu, a Escola contribuirá a potenciar aqueles valores que identifican ás organizacións como entidades responsables e comprometidas co seu contorno económico, social e cultural.

Finalmente, Sonia Rodríguez-Campos quixo destacar que o cumprimento normativo é un deber para todas as organizacións, pero especialmente para aquelas pertencentes ao sector público, polo que o reforzamento das políticas de integridade institucional resulta básico para cumprir coas esixencias dunha sociedade que demanda servizos de calidade procedentes de entidades comprometidas coa ética e coa transparencia.