Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

O DOG publica hoxe a modificación da orde pola que se adaptan e habilitan electronicamente os procedementos administrativos de prazo aberto da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

A modificación da orde incorpora os procedementos en materia de augas e deixa de regular os procedementos en materia de vivenda, que actualmente son competencia da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

A día de hoxe un total de 1478 procedementos administrativos da Xunta de Galicia admiten presentación electrónica, o que constitúe o 95,85% do total

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2019.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o proxecto de Orde polo que se modifica a Orde do 7 de Abril de 2016 para adaptar e habilitar electronicamente os procedementos administrativos de prazo aberto da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

A modificación da orde incorpora os procedementos en materia de augas competencia desta consellería e deixa de regular os procedementos en materia de vivenda, que actualmente son competencia da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Polo tanto, adáptase á estrutura orgánica que mediante decreto adscribe á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda o Instituto Galego de Vivenda e Solo, que anteriormente estaba adscrito á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e adscribe o ente publico empresarial Augas de Galicia a esta consellería.

Esta Orde unifica nun único procedemento (IF204A) un total de doce (12) procedementos ata agora existentes na sede electrónica, que poden englobarse nun único procedemento de autorización de actuacións na zona de dominio público e/ou protección das estradas autonómicas, co fin de simplificar a súa tramitación pola cidadanía e facilitar a elección do formulario adecuado. Os procedementos refundidos son: Instalación en estrada, Construción de beirarrúa, Conservación de edificación, Construción de edificación, Cruzamento con tubaxe subterránea, Movemento de terras, Tendido paralelo e cruzamento aéreos, Construción de peche, Conexión a rede de abastecemento de auga e/ou de saneamento, Instalación de sinais informativos, Cruzamento por obras de fábrica e Condución paralela.

A Sede Electrónica permite interactuar cos órganos da Xunta de Galicia a través de medios electrónicos, o que permite ao usuario facer as súas xestións en calquera momento e lugar. A día de hoxe, son 1478 procedementos administrativos os que a Xunta de Galicia ten a disposición da cidadanía para a súa presentación electrónica, o 95,85% do total, o que fai que tanto cidadáns e empresas non se teñan que desprazar ás oficinas presenciais de rexistro. A redución de cargas administrativas da cidadanía e a simplificación dos procedementos continúa a ser un dos principais obxectivos da Xunta de Galicia, eliminando a obriga de que os cidadáns acheguen datos e documentos que xa constan nas administracións ou que se poden consultar a través da interoperabilidade e impulsando a tramitación electrónica para gañar en axilidade administrativa.