Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

Díaz Mouteira reúnese co novo alcalde de Pontedeva e bríndalle a colaboración da Xunta para seguir a avanzar no progreso do municipio

A delegada territorial da Xunta en Ourense continúa a ter encontros cos alcaldes da provincia logo da constitución das novas corporacións locais

Este concello ourensán recibiu dos distintos departamentos autonómicos achegas que suman case 1,6 M€ durante o período o 2015-2019

Ourense, 11 de xullo de 2019.- A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, recibiu esta mañá no seu despacho ao alcalde do concello ourensán de Pontedeva, José Carlos Guerrero Salgado, novo rexedor desta localidade. O propósito deste encontro, como lle explicou Díaz Mouteira ao recén elixido alcalde deste municipio, é “coñecer aos rexedores que exercen o seu cargo por primeira vez na provincia, co obxectivo de saber cales son as súas demandas e proxectos para os próximos meses”.

José Carlos Guerrero, que substitúe no cargo a Juan Carlos González logo de tres lexislaturas ao fronte da Alcaldía deste municipio, explicoulle á delegada territorial que a súa intención é darlle continuidade ao labor que desenvolveu o seu predecesor e do que el tamén foi responsable na súa condición de concelleiro de Urbanismo.

A representante do executivo autonómico en Ourense brindoulle ao novo rexedor toda a colaboración da Administración autonómica co fin de lograr o progreso e benestar deste municipio ourensán. Así, analizaron os proxectos que este concello ten solicitados diante da Xunta para os próximos meses e o seu estado de tramitación.

Marisol Díaz lembrou que nos últimos catro anos este municipio recibiu do Goberno galego achegas por un importe de case 1,6 millóns de euros. Así, as diferentes consellerías da Xunta concederon ao municipio de Pontedeva preto de 470.000 euros en materia de subvencións; case 360.000 euros en convenios; e máis de 765.000 euros pertencentes a outras actuacións.

Así, a delegada territorial subliñou que as achegas da Administración autonómica posibilitaron a construción dun centro de saúde, mellora dos accesos e das infraestruturas do polígono industrial e urbanización do núcleo rural de Trado, acondicionamento de caminos e estradas, así como distintas iniciativas relacionadas coa prevención e defensa contra os incendios forestais, entre outras actuacións.

Finalmente, Díaz Mouteira fixo fincapé na importancia de continuar a executar proxectos de mellora no concello, insistindo nas “vantaxes da colaboración entre as distintas institucións, xa que sumando esforzos pódense levar a cabo actuacións que benefician directamente aos cidadáns.”