Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta colabora cos avogados e procuradores galegos para mellorar a atención ás vítimas de violencia de xénero

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou sendos convenios de colaboración co Consello da Avogacía Galega e co Consello Galego dos Procuradores para desenvolver accións formativas na atención a mulleres e menores que sofren violencia de xénero

A formación incluirá módulos específicos sobre menores e violencia de xénero, mulleres estranxeiras e aspectos psicolóxicos e sociais

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2019. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe sendos convenios de colaboración co presidente do Consello da Avogacía Galega, Ramón Jáudenes, e co presidente do Consello Galego de Procuradores dos Tribunais, Fernando González-Concheiro, para levar a cabo accións de formación especializada para avogados e procuradores sobre atención a mulleres e menores que sofren violencia de xénero, no marco das axudas do Pacto do Estado contra a Violencia de Xénero. Ao acto tamén acudiron a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, o director xeral de Xustiza, Juan José Martín e o decano do Colexio de Avogados de Santiago, Francisco Rabuñal.

Alfonso Rueda destacou a necesidade de que as vítimas da violencia de xénero se sintan apoiadas e acompañadas por profesionais como os avogados ou procuradores cando recorren ao sistema xudicial e, por iso, destacou a importancia de que colaboren na loita contra esta lacra e amplíen a súa formación para ofrecer ás mulleres que sofren violencia de xénero e aos seus fillos unha atención máis especializada. A formación impartida incluirá módulos específicos sobre menores e violencia de xénero, mulleres estranxeiras, aspectos psicolóxicos e sociais, así como os recursos e programas dispoñibles en Galicia neste ámbito.

O Goberno galego facilitará a ambos organismos o material informativo e de sensibilización a prol da detección e a eliminación da violencia de xénero para a súa distribución nos seminarios, xornadas, conferencias, coloquios e demais actividades que organicen ao abeiro deste convenio. A Xunta tamén poñerá a disposición de avogados e procuradores persoal técnico especializado para coordinar as actuacións previstas e materiais formativos sobre violencia de xénero para que amplíen os seus coñecementos sobre o tema.

Os convenios asinados hoxe enmárcanse no desenvolvemento que se está a facer dende o Goberno galego do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Para cumprir este obxectivo a Vicepresidencia da Xunta xa asinou acordos con outras consellerías como as de Cultura, Educación, Medio Ambiente, Medio Rural, Política Social e Sanidade, así como coa Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ou a Secretaría Xeral para o Deporte. A Xunta tamén asinou convenios neste ámbito co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, o Colexio Oficial de Traballo Social e as tres universidades galegas.