Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta destaca a aposta pola actualización continua da formación dos profesionais da administración concursal

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou hoxe o XIII Encontro en Galicia de Profesionais do Dereito Concursal e Societario

O Goberno galego colabora cos economistas galegos na atención das solicitudes de asistencia pericial

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2019. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe na inauguración do XIII Encontro en Galicia de Profesionais do Dereito Concursal e Societario, a necesidade dunha formación de altura e dunha actualización constante de coñecementos entre os profesionais da administración concursal, para dar resposta as continuas modificacións legais neste ámbito.

Alfonso Rueda recoñeceu a complexidade do traballo que desempeñan estes profesionais do dereito concursal na loita por recuperar empresas que atravesan complicadas situacións económicas que afectan aos seus traballadores. Por iso, destacou a importancia do labor de auxilio que prestan ao xuíz do concurso.

Tamén resaltou o traballo dos economistas na prestación de asistencia pericial. Neste ámbito, a Xunta e o Consello Galego de Colexios de Economistas colaboran desde o ano 2010 na designación de economistas dos catro colexios da comunidade para atender as solicitudes de asistencia pericial que a Administración de Xustiza demanda a través do Consello.

O encontro organizado polo Consello Galego de Economistas reuniu a especialistas do ámbito académico, xudicial e profesional que debateron sobre as novidades lexislativas de gran calado en materia concursal e societaria que se produciron nos últimos anos e sobre os retos abertos tanto para o presente como para o futuro concursal e mercantil.