Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta apoia a prevención, a información e o asesoramento en materia de xogo responsable

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, asinou hoxe sendos convenios de colaboración coa asociación galega de ludópatas en rehabilitación e xogadores anónimos

O obxectivo é seguir ofrecendo atención especializada ás persoas que padecen ludopatía e problemas derivados da adición ao xogo

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2019.- O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, destacou hoxe a aposta da Xunta na colaboración coas asociacións galegas que tratan a persoas con trastornos derivados dun uso abusivo do xogo para fomentar a prevención, a información e o asesoramento en materia de xogo responsable.

Santiago Villanueva asinou hoxe dous convenios de colaboración con representantes da Asociación Galega de Ludópatas en Rehabilitación (AGALURE) e da Asociación Galega de Xogadores Anónimos (AGAJA) para financiar accións de atención especializada a persoas que padecen ludopatía e problemas derivados da adición ao xogo, así como para apoiar iniciativas por parte destes colectivos encamiñadas á fomentar a información, orientación e sensibilización sobre este tema ao conxunto da cidadanía.

A Asociación Galega de Ludópatas en Rehabilitación (AGALURE) ofrece ás persoas que padecen ludopatía e outras adiccións sen substancias atención médica e psicoterapéutica, asesoramento xurídico e os apoios necesarios para a rehabilitación e inclusión social dos afectados. Ademais, traballan na detección das persoas afectadas por este problema para levar a cabo actuacións preventivas e de sensibilización que axuden á súa comprensión social.

Por outra banda, a Asociación Galega de Xogadores Anónimos (AGAJA) desenvolve actividades terapéuticas para a recuperación de persoas ou colectivos con trastornos de conduta ou control derivados dos xogos do azar ou semellantes, xunto con medidas para apoiar a súa reinserción social e a do seu entorno máis próximo. Tamén leva a cabo iniciativas de sensibilización á sociedade xeral, e sobre todo nos ámbitos familiar, escolar e laboral, sobre os riscos que os xogos de azar supoñen ao xogador habitual e á súa familia.

Límite a novos salóns de xogos e tendas de apostas

Cómpre recordar que a Xunta aprobou un decreto para limitar a instalación de salóns de xogo e tendas de apostas en Galicia. A norma, que foi aprobada polo Consello da Xunta en abril, limita o número máximo ás tendas e salóns que xa están funcionando actualmente, sen permitir a apertura de novas instalacións.