Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

O titular do Goberno galego presidiu a sinatura dos contratos de patrocinio cos atletas para colaborar en campañas de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero

Feijóo destaca o compromiso de Ana Peleteiro e Adrián Ben para conseguir unha Galicia libre de machismo

Sostén que no deporte galego atópase un gran aliado para acadar este obxectivo grazas aos valores que inculca

Agradece que ambos alcen a súa voz, que ten eco e percorrido na sociedade, para dicir non á violencia de xénero e si a igualdade de oportunidades

Vídeo das palabras de Feijóo no acto de sinatura do convenio

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2019.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o compromiso de Ana Peleteiro e Adrián Ben para conseguir unha Galicia libre de machismo, a través da sinatura dos contratos de patrocinio cos atletas para colaborar en campañas de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero.

Aínda que se ten avanzado moito, Feijóo recordou que, en ocasións, a desigualdade mostra a súa peor cara en forma de violencia de xénero, lembrando o último crime acontecido recentemente en Valga. E, logo de aseverar que a igualdade é un dereito natural e que esa loita ten que basearse no consenso, fixo fincapé en que Galicia é unha terra libre de machismos, na que non cabe xustificación ningunha ante esas actitudes.

Nese sentido, o titular da Xunta fixo fincapé en que na loita contra esta lacra podemos atopar no deporte galego un gran aliado, xa que está ligado a valores como o respecto, o esforzo ou o compañeirismo. E para iso, dixo, “que mellor que escoller a dúas persoas que son referentes sociais e que están comprometidos coa igualdade e coa erradicación do machismo”.

Ao fío disto, o presidente da Xunta destacou os últimos logros de ambos atletas, e especialmente os acadados no recente Mundial de atletismo de Doha. Por unha banda, Ana Peleteiro foi sexta do mundo en triplo salto –tamén é campioa de Europa nesa modalidade-; e, Adrián Ben converteuse no segundo español da historia en clasificarse para a final de 800 metros dun campionato do mundo e acadou a sexta praza neste primeiro mundial que disputou.

Finalmente, Feijóo agradeceu que ambos puideran compatibilizar esta sinatura cos seus compromisos profesionais e estar presentes para alzar a súa voz, que ten eco e percorrido na sociedade, para dicir non á violencia de xénero e si a igualdade de oportunidades. Momento no que tamén aproveitou para desexarlles a mellor das sortes nos vindeiros Xogos Olímpicos de Toquio nos que, sinalou, todos os galegos e galegas “estaremos atentos”.