Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Policía Autonómica levanta 15 actas de infracción en 48 inspeccións por consumo de alcohol e drogas en menores

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010 de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a comunidade galega

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2019.- Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo un total de 48 inspeccións de control de venda e consumo de bebidas alcohólicas e tabaco en 10 concellos galegos entre o 25 de novembro e o 1 de decembro de 2019. Nestes controis identificáronse a 48 persoas e levantáronse 15 actas de infracción.

Por parte dos distintos Grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago nesta pasada semana realizáronse 30 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcohol/tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos da Coruña, Lalín, Lugo, O Porriño, Ourense, Poio, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vedra e Vigo.

Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron identificadas 48 persoas e inspeccionadas 48 zonas de ocio, locais e centros comerciais. Levantáronse 15 actas de infracción: 2 por venda de alcohol e 13 por consumo de alcohol.

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a comunidade galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.

Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.