Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

O servizo de prevención e defensa contra incendios inicia a desinfección no exterior do CAPD de Chapela en Redondela e mañá procederase á limpeza interior do centro

Tras detectarse un positivo en COVID-19, a Xunta activou todas as medidas de prevención fronte ao virus, realizando as probas necesarias e dotando ao persoal administrativo e sanitario de materiais e equipos de protección individual

Redondela (Pontevedra), 24 de marzo de 2020.- O Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios, a instancias da Xunta de Galicia, comezou hoxe a desinfección dos exteriores do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Redondela, no marco do operativo activado a nivel galego nas residencias de maiores, persoas con discapacidade e centros de saúde de 200 concellos galegos. Mañá mesmo unha empresa contratada pola Xunta de Galicia procederá tamén a limpeza do interior.

No CAPD de Redondela seguíronse os protocolos establecidos, despois da detección dun positivo de COVID-19 nunha das persoas residentes. Activáronse todas as medidas de resposta contra o virus e realizáronse as probas necesarias nos casos que indican os profesionais de Medicina Preventiva. O persoal do centro está traballando con tranquilidade, profesionalidade e gran dedicación.

O centro conta con equipos de protección individual (EPIs), unha dotación que se reforzou este martes co envío, desde a Delegación Territorial da Xunta en Vigo de batas de protección e máscaras.

No CAPD de Redondela, que conta con 120 prazas, atópanse illados nestes momentos por precaución seis residentes, ademais da persoa que deu positivo.