Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

O prazo para solicitar o voto por correo dos residentes en España remata este xoves, 2 de xullo

Pode solicitarse nas oficinas de Correos ou ben na súa web empregando un certificado electrónico

O procedemento é totalmente gratuíto

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2020.- Este xoves, 2 de xullo, remata o prazo para que os residentes en España soliciten o voto por correo para as eleccións ao Parlamento de Galicia.

As persoas que queiran solicitar o voto por correo poden solicitalo persoalmente nas oficinas de Correos. Ademais, habilitouse tamén a posibilidade de solicitalo vía telemática, a través da web de Correos, e mediante o uso dun certificado electrónico.

Logo de solicitalo, as delegacións provinciais da Oficina do Censo Electoral enviarán aos electores, entre o 22 de xuño e o 5 de xullo, a documentación necesaria para poder votar, que inclúe as papeletas e sobres de votación, o certificado de inscrición no censo, un sobre coa dirección da mesa na que lle correspondería votar e unha folla explicativa.

Para depositar o voto, o elector poderá facelo por dúas vías: persoalmente nas oficinas de Correos ou ben no momento en que recibe a documentación no domicilio, entregando directamente o sobre dirixido á mesa electoral ao persoal de Correos. Cómpre recordar que este sobre non necesita franqueo, polo que o procedemento é totalmente gratuíto

O límite para depositar o voto por correo será o 10 de xullo ás 14 horas, logo de que o prazo inicial fora ampliado (inicialmente o límite era o 8 de xullo)