Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

O Plan de inserción laboral para vítimas da violencia de xénero permite contratar a 68 mulleres

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta mañá un encontro co alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera sobre o plan de inserción laboral

A finalidade principal do Plan é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da independencia económica co obxectivo de lograr unha integración plena na vida económica e social
 

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2020.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta mañá un encontro co alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera sobre o plan de inserción laboral para mulleres que sofren violencia de xénero, polo cal 38 entidades locais galegas contratarán a a 68 mulleres, no que tamén participa este concello pontevedrés, que contratará a dúas mulleres.

Alfonso Rueda explicou que este é programa pioneiro que se puxo en marcha o pasado ano por primeira vez en Galicia grazas ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. As axudas teñen como finalidade principal apoiar ás mulleres vítimas da violencia de xénero na súa integración laboral que lles permita unha independencia económica co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.

O titular da Vicepresidencia indicou que “a independencia económica e a posibilidade dun traballo estable contribúe a que as mulleres vítimas da violencia de xénero poidan ter unha maior autonomía, e poder comezar unha nova vida lonxe do seu agresor. Por todo isto quero agradecer ao concello de Soutomaior que se implique, se involucre e sexa partícipe nestas iniciativas”

A contía da subvención é, por cada muller contratada a tempo completo, a equivalente á necesaria para sufragar durante o período de contratación as retribucións salariais brutas totais, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora, na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo convenio colectivo ou normativa laboral aplicable vixente no momento de formular a solicitude e acorde coa súa categoría profesional.

As contratacións polas cales se conceda a subvención deberán ser para a realización de obras ou servizos de interese xeral e utilidade social, competencia das entidades locais e deben ser executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas ás que se encomende a súa execución. A duración dos contratos será como mínimo de 4 meses, aínda que a maior parte das mulleres van ser contratadas durante 12 meses.