Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta reúnese con responsables da Generalitat de Cataluña para trasladarlles os detalles da organización electoral e as medidas sanitarias aplicadas

A directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns, e o subdirector xeral de coordinación de servizos transversais e coordinador de prevención das eleccións, Emilio de la Iglesia, participaron na videoconferencia

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2020.- A directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns, e o subdirector xeral de coordinación de servizos transversais e coordinador de prevención das eleccións, Emilio de la Iglesia, participaron hoxe nunha reunión por videoconferencia con responsables da Generalitat de Cataluña para trasladarlles os detalles da organización electoral e as medidas sanitarias que se aplicaron para garantir a seguridade de todos os electores e membros das mesas.

No encontro, no que participou o director xeral de participación cidadá e procesos electorais de Cataluña, Ismael Peña, abordáronse as distintas xestións que se realizaron de cara á xornada electoral do 12 de xullo, así como a intendencia necesaria para poñer en marcha todas as medidas de prevención sanitaria.

Así, entre outros asuntos, os responsables galegos explicaron as xestións de carácter institucional que se levaron a cabo para dar conta das medidas sanitarias, como as reunións cos partidos políticos, Delegación de Goberno, Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) ou oficinas do censo electoral.

Tamén detallaron as actuacións relacionadas propiamente coa xestión da xornada, como as medidas de prevención da covid-19. Neste sentido, cómpre recordar que a Xunta formou e habilitou un equipo de persoas que inspeccionaron os locais electorais ata en dúas ocasións antes da xornada electoral; e que dispuxo persoal en todos os locais durante a propia xornada para que axudaran a que se respectaran todas as medidas sanitarias, como o uso de máscaras, distancia de seguridade e hixiene de mans. A Xunta puxo, ademais, a disposición de todos os locais electorais todo o material de protección necesario, así como a cartelería na que se explicaban todas as recomendacións sanitarias.

Cómpre recordar que durante a fin de semana das eleccións xa se desprazaran a Galicia responsables da Generalitat de Cataluña para coñecer de primeira man o desenvolvemento da xornada. Entre outras cousas, visitaron o centro de datos e varios locais electorais, onde puideron comprobar todas as medidas sanitarias que se implantaron.