Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

O delegado territorial da Xunta en Ourense mantén un encontro institucional co alcalde de Ribadavia

Gabriel Alén e César Fernández analizaron os investimentos realizados pola Administración autonómica neste concello da comarca do Ribeiro e escoitou as súas demandas

O representante do Goberno galego amosou a súa vontade de traballar en colaboración para desenvolver con éxito os proxectos municipais pendentes de execución

Ourense, 24 de setembro de 2020.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén Castro, e o alcalde de Ribadavia, César Fernández, reuníronse esta mañá no concello de Ribadavia para revisar os investimentos e proxectos executados a través da colaboración entre ambas as dúas administracións- autonómica e local- durante este ano de mandato municipal, e para deseñar futuras liñas de colaboración. Esta xuntanza enmárcase nunha rolda de contactos cos alcaldes da provincia que Alén Castro, logo da súa toma de posesión como representante do Goberno galego, quere desenvolver co obxectivo de coñecer a realidade e as necesidades dos municipios ourensáns.

Gabriel Alén e César Fernández analizaron os diferentes investimentos realizados por parte da Xunta, en colaboración do concello, durante este último ano como o embelecemento do núcleo rural de Sanín, a renovación do auditorio da Casa da Cultura, a mellora de camiños rurais, ou a redacción do Proxecto integral de renovación de beirarrúas, abastecemento e saneamento na localidade de San Cristovo.

Ademais destes investimentos xa executados, na xuntanza tamén repasaron os investimentos que se van a realizar proximamente como son o desenvolvemento da terceira fase do parque empresarial, a renovación da carpintería da casa consistorial, a construción dun punto limpo na Foz, o soterramento do cableado no casco histórico, ou o embelecemento do núcleo rural de Ventosela, entre outros.

Gabriel Alén afirmou que “Ribadavia debe ocupar un papel central coma motor da comarca do Ribeiro, por eso dende a Xunta prestaremos especial atención ás demandas e necesidades deste concello sendo conscientes do dinamismo socioeconómico que iso supón para toda a comarca.” Así, ofreceulle ao alcalde todo o apoio e diálogo da Administración autonómica para poder axilizar e desenvolver con éxito os proxectos do seu concello que garantan o progreso e benestar da veciñanza.

O delegado territorial comprometeuse a estudar as demandas expostas polo rexedor de Ribadavia entre as que figuran a renovación integral do centro de saúde de Ribadavia, a construción dunha nova residencia e centro de día, así como a creación dunha nova gardería.