Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta colaborará co Concello de Silleda na adquisición dun vehículo para labores ambientais da Policía Local

O Goberno galego apoia a compra deste vehículo financiado a través dun convenio de colaboración co municipio

O investimento da Xunta no concello este exercicio en melloras ambientais e de infraestruturas acada os 80.000 euros, que se suman as achegas de case 590.000 euros nos últimos anos
 

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2020.- A Xunta financiará, a través dun convenio de colaboración asinado co concello de Silleda, a adquisición dun vehículo para o corpo de Policía Local do municipio, que se destinará a labores ambientais.

Trátase dun vehículo con boas características para circular por camiños rurais e que conta cun equipo de toma de mostras de auga para a comprobación de vertidos, con espazo tamén para o traslado dun animal doméstico en caso de necesidade. Este vehículo destinarase ás labores policiais relacionadas coa protección ambiental tales como a localización e control dos vertedoiros incontrolados e vertidos, o control das faixas de protección, a vixilancia de espazos naturais, ou na colaboración e control na extinción de incendios.

Esta dotación, que permitirá mellorar a contorna natural e garantir a protección ambiental no concello, aliñase cos obxectivos de Fondo de Compensación Ambiental. A Xunta destina na convocatoria deste ano 12,5 millóns de euros a este fondo, que permite desde 2010 que os concellos se beneficien das explotacións eólicas instaladas na súa contorna coa financiación de actuacións nos concellos dirixidas ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.

O investimento do Goberno galego no municipio de Silleda este ano acada os 80.000 euros. Ademais deste acordo, a Xunta financiou neste exercicio melloras de eficiencia enerxética nos vestiarios do campo de fútbol e da piscina municipais, tamén no marco do Fondo de Compensación Ambiental, aos que se suma outra actuación no parque infantil da praza Juan Salgueiro, ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público.

A Xunta leva investidos case 590.000 euros no concello de Silleda nos últimos anos no marco destas dúas liñas de axudas e tamén a través de convenios de colaboración coma este para adquirir un novo vehículo policial dedicado a labores ambientais.