Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

Luis López anuncia que Sanidade seguirá facendo cribados de detección da Covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e o Salnés malia a desescalada para protexer aos cidadáns

O delegado territorial, acompañado do xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, e da alcaldesa María Ramallo, asiste ao inicio das probas en Marín, que convocan a 12.763 persoas no maior despregue realizado ata a data na bisbarra

O representante autonómico destaca o “esforzo e compromiso” do Sergas con accións de control da pandemia, xa que terá cribado a case 85.000 persoas de doce concellos da zona nos últimos tres meses
 

  • Luis López, no dispositivo de cribado en Marín

Marín, 23 de febreiro de 2021.- O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, anunciou esta mañá en Marín que a Consellería de Sanidade vai seguir facendo cribados de detección da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés nas vindeiras semanas malia que xa está en marcha a desescalada da terceira vaga, “xa que non queremos dar pasos en falso nin ir cara atrás e seguimos centrados, con maior ansia se cabe, na protección da saúde dos cidadáns”.

O representante autonómico, que acudiu á xornada inicial das probas en Marín co xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, e a alcaldesa María Ramallo, quixo destacar o “enorme esforzo e grao de compromiso” do Servizo Galego de Saúde (Sergas) no desenvolvemento de accións de control da pandemia, xa que revelou que, co cribado no municipio morracense, teranse feito analíticas a case 85.000 persoas de doce concellos da zona nos últimos tres meses, aos que hai que engadir as realizadas en iniciativas específicas en centros educativos, residencias, colectivos de traballadores ou persoal sanitario, entre outras.

Luis López tamén quixo chamar á participación masiva neste cribado, xa que é fundamental para detectar casos asintomáticos e frear a transmisión e os contaxios do coronavirus, e lembrou que “todos os cidadáns debemos actuar coa máxima responsabilidade e prudencia polo momento e colaborando co traballo que se está a facer dende a Xunta, posto que é a mellor forma de deixar atrás a pandemia no prazo máis curto, que é o que queremos todos para volver á normalidade”.

O cribado de Marín comezou na xornada de hoxe e desenvolverase durante cinco días consecutivos ata o sábado 27 no aparcadoiro emprazado entre a Escola Naval e o Porto. Celebrarase no formato de covid-auto, o mesmo que o deseñado para o Concello de Poio hai algunhas semanas, posto que é o máis axeitado e áxil para probas masivas coma esta, á que están citadas 12.763 persoas de entre 30 a 65 anos. “Trátase do maior despregue realizado ata a data na nosa área sanitaria porque pretendemos acoutar a situación dun concello que conta hoxe mesmo con 96 casos activos e unha incidencia superior aos 250 casos por cada 100.000 habitantes”, apostillou o delegado.

Estas probas, que se efectuarán a través de tests de saliva, oriéntanse a veciños de Marín con tarxeta sanitaria asignada a este concello, que non teñan un PCR positivo nos últimos 90 días e que dispoñan de teléfono móbil para efectuar a citación e o resultado do cribado por medio de SMS. A franxa de idade seleccionada determinouse, como é habitual, en base á incidencia nos colectivos de poboación e a parámetros sanitarios, sociais e familiares.

O Sergas vai mobilizar a un cadro de 14 profesionais coordinados por un médico que atenderán á veciñanza en quendas de entre 10 e 12 horas diarias coa entrega dos tubos para a recollida de mostras e a súa devolución para proceder á súa análise no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.