Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

Díaz Mouteira mantén un primeiro encontro institucional co novo alcalde de Toén e bríndalle a colaboración da Xunta para seguir a avanzar no progreso do municipio

Esta xuntanza da delegada territorial da Xunta en Ourense enmárcase nos encontros que manterá cos alcaldes da provincia logo da constitución das novas corporacións locais

Este concello ourensán recibiu dos distintos departamentos autonómicos achegas que suman máis de 1,3 M€ durante o período o 2015-2019

Ourense, 24 de xuño de 2019.- A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, recibiu esta mañá no seu despacho ao alcalde do concello ourensán de Toén, Ricardo González Gómez, novo rexedor desta localidade. O propósito deste encontro, como lle explicou Díaz Mouteira ao recén elixido alcalde deste municipio, é “coñecer aos rexedores que exercen o seu cargo por primeira vez na provincia, co obxectivo de saber cales son as súas demandas e proxectos para os próximos meses”. Esta xuntanza enmárcase nunha rolda de contactos cos alcaldes da provincia que Marisol Díaz iniciou a pasada semana co fin de facer balance da colaboración autonómica durante os últimos catro anos, así como analizar a marcha daqueles proxectos que está a desenvolver o Goberno galego neles.

Ricardo González, que substitúe no cargo a Amancio Cid logo de 12 anos ao fronte da Alcaldía deste municipio, explicoulle á delegada territorial que a súa intención é darlle continuidade ao labor que desenvolveu o seu predecesor e do que el tamén foi responsable na súa condición de tenente alcalde.

A representante do executivo autonómico en Ourense brindoulle ao novo rexedor toda a colaboración da Administración autonómica co fin de lograr o progreso e benestar deste municipio ourensán. Así, analizaron os proxectos que este concello ten solicitados diante da Xunta para os próximos meses e o seu estado de tramitación.

Marisol Díaz lembrou que nos últimos catro anos este municipio recibiu do Goberno galego achegas por un importe de máis de 1,3 millóns de euros. Así, as diferentes consellerías da Xunta concederon ao municipio de Toén máis de 650.000 euros en materia de subvencións; 450.000 euros en convenios; e case de 300.000 euros pertencentes a outras actuacións.

Así, a delegada territorial subliñou que as achegas da Administración autonómica posibilitaron a rehabilitación integral e ampliación da casa consistorial, mellora de infraestruturas de uso público e de estradas, distintas iniciativas relacionadas coa prevención e defensa contra os incendios forestais, o sistema de depuración en Reboreda e a realización de obras de infraestrutura rural, como foi a rexeneración do firme en As Airas, Moreiras e Xestosa-San Fiz, entre outras actuacións.

Finalmente, Díaz Mouteira fixo fincapé na importancia de continuar a executar proxectos de mellora no concello, insistindo nas “vantaxes da colaboración entre as distintas institucións, xa que sumando esforzos pódense levar a cabo actuacións que benefician directamente aos cidadáns".