Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Policía Autonómica esclarece varios incendios nos concellos de Castro de Rei e O Grove

No que vai de ano, un total de 52 persoas foron investigadas pola Policía Autonómica como presuntas autoras de incendios forestais

Santiago de Compostela, 28 de xuño 2019.- Axentes da Policía Autonómica veñen de esclarecer varios incendios forestais ocorridos nos concellos de Castro de Rei (Lugo) e O Grove (Pontevedra).

No primeiro dos casos, os membros do grupo de investigación de incendios da Policía Autonómica de Lugo procederon á detención dun varón de 46 anos, veciño de Castro de Rei por un suposto delito de incendio forestal. A detención produciuse na parroquia de Castro Riberas de Lea, do Concello de Castro de Rei, na que o investigado queimou intencionadamente o monte, afectando a 1,8 hectáreas de superficie rasa o pasado mes de outubro.

Tras meses de investigación , así como o establecemento dun dispositivo especial na prevención de incendios no entorno do investigado, esta Unidade de Policía coa colaboración dos axentes do Distrito X da Terra Chá esclareceron os feitos. Trátase dunha persoa reincidente, a cal foi detida por idéntico motivo en pasados anos. Como consecuencia das anteriores detencións foi condenado a 3 anos de prisión por un incendio forestal e a 4 meses por outro. Continúanse as investigacións por si puidera ser responsable de delitos similares pola mesma zona.

As dilixencias por tales feitos foron remitidas ao Xulgado de Instrución número 2 de Lugo en función de garda.

Por outro lado, funcionarios da Policía Autonómica de Pontevedra, procederon á investigación dunha persoa xurídica titular da liña de tendido eléctrico, que causou dous incendios forestais ocorridos o día 13 do presente mes, nos lugares de Balea e A Lanzada, parroquia de San Vicente do Mar, concello de O Grove. O lume iniciouse ao posarse unha ave nunha das torres eléctricas, afectando a unha superficie de 0,27 hectáreas de superficie arborada e 0,07 de superficie rasa. Na extinción foi necesaria a intervención do persoal do Servizo de Extinción de Incendios da Xunta de Galicia.

Signifícase que realizouse unha inspección ocular dos incendios, xunto, con axentes Facultativos Medioambientais da Brigada de Investigación de Incendios Forestais da Consellería de Medio Rural, podéndose observar deficiencias no mantemento dos elementos illantes, así como tamén no trazado da liña, que non estaba limpo de combustible vexetal.

Polos feitos instruíronse dilixencias remitidas ao Xulgado de Garda de Cambados, Pontevedra.

No que vai de ano, un total de 52 persoas foron investigadas pola policía autonómica como presuntas autoras de incendios forestais.