Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Policía Autonómica leva a cabo 101 inspeccións para velar polo cumprimento da Lei de prevención de bebidas alcohólicas en menores

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a comunidade galega

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2019.- Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo un total de 101 inspeccións de control de venda e consumo de bebidas alcohólicas e tabaco en 14 concellos galegos entre o 24 ao 30 de xuño de 2019.

Por parte dos distintos Grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago nesta pasada semana realizáronse 43 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcol/tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos de Lousame, Santiago de Compostela, Teo, Ourense, Baiona, Marín, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Sanxenxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron identificadas 69 persoas e inspeccionadas 101 zonas de ocio, locais e centros comerciais. Levantáronse 12 actas de infracción: 10 por consumo de alcohol e 2 por tenza de substancias estupefacientes.

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a Comunidade Galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.

Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.