Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Policía Autonómica detén cinco furtivos da zona de Ferrol no marco da ‘Operación Ártabra’

Empregaban documentos dunha confraría de Asturias para introducir no mercado percebe extraído ilegalmente

A operación contou coa colaboración do Servizo de Gardacostas e coa Consellería de Desenvolvemento Rural e Recursos Naturais do Principado de Asturias
 

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2019.- Axentes da Policía Autonómica procederon á detención de cinco furtivos da zona de Ferrol no marco da denominada como “Operación Ártabra”. Os detidos introducían no mercado percebe extraído ilegalmente empregando documentos dunha Confraría de Asturias.

A operación, que continúa aberta, comezou en agosto do ano pasado na lonxa da Coruña. Nunha inspección rutinaria, os axentes da Policía Autonómica e do Servizo de Gardacostas detectaron unha serie de documentos de transporte do Principado de Asturias.

A partir de aí iniciaron unha investigación na que acabaron por identificar a un grupo de furtivos da zona de Ferrol que extraían ilegalmente percebe e o introducían na lonxa empregando documentos dunha Confraría de Asturias.

Para realizar as comprobacións necesarias, a Policía Autonómica púxose en contacto coa Consellería de Desenvolvemento Rural e Recursos Naturais do Principado de Asturias, que sinalou que hai máis de 8 anos que eses documentos non se empregaba e nos que non recoñeceron as firmas. As cinco toneladas de percebe que se introduciron con estes documentos teñen un valor medio en lonxa de 110.000 euros.