Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

Preto de 800 persoas beneficiáronse nos últimos anos do programa Iacobus de intercambio académico na Eurorrexión

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, destacou a alta satisfacción amosada polos participantes nesta iniciativa

O programa, pioneiro en Europa, púxose en marcha en 2014
 

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2019.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, destacou hoxe que un total de 798 persoas participaron en distintas estadías de investigación en centros da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal grazas ao programa de intercambio académico Iacobus, posto en marcha en 2014.

En resposta a unha pregunta parlamentaria, o director xeral salientou a relevancia e o éxito acadado por este programa, pioneiro en Europa, que pretende fomentar a cooperación cultural, científica e pedagóxica entre os recursos humanos dos centros de ensino superior da Eurorrexión.

O programa Iacobus consiste nun sistema de intercambio de profesores, investigadores e persoal administrativo e de servizos entre os centros de ensino superior e centros tecnolóxicos de Galicia e o Norte de Portugal.

Ata de agora, suma 6 convocatorias, nas que se investiron algo máis de 877.000 euros. Os proxectos de investigación que se levaron a cabo ao abeiro do programa versaron sobre moi distintas materias: ciencias da saúde, humanidades, enxeñarías, TIC, ciencias económicas e empresariais, ciencias sociais, dereito, cultura, belas artes, turismo ou deporte.

O director xeral puxo en valor, ademais das cifras, que os participantes no programa teñen amosado unha elevada satisfacción coa iniciativa. Segundo unha enquisa realizada tras a terceira convocatoria, o 86 por cento dos beneficiarios cualificaron o seu grao de satisfacción coa experiencia no Iacobus como “moi alto” ou “alto”. Cómpre destacar, ademais, que xa existen solicitudes de estender esta experiencia a outras áreas europeas e que organizacións como a Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE) ou o propio POCTEP -que cofinancia a iniciativa- presentan o Iacobus como experiencia de boa práctica na cooperación transfronteiriza.

Xa para rematar, Gamallo destacou que tras seis convocatorias se pode constatar que o Iacobus está servindo como unha excelente ferramenta para fomentar a cooperación entre institucións de ensino superior; para crear unha masa crítica intelectual que coñeza os sistemas educativos dos dous países, consolidando unha comunidade universitaria mellor formada, máis cohesionada e máis aberta; ao tempo que facilita a transferencia de innovación, tecnoloxía e coñecemento.