Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta resalta a importancia da implicación das comunidades autónomas na loita contra a violencia de xénero

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, interveu na mesa redonda “¿Son adecuadas as medidas da sociedade nos delitos de violencia de xénero en España?”, no curso para a prevención e intervención en violencia de xénero

O consenso institucional, político e social foi destacado como un dos piares para eliminar a desigualade entre mulleres e homes

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2019.- A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, interveu esta tarde en Ribeira na mesa redonda ¿Son adecuadas as medidas da sociedade nos delitos de violencia de xénero en España?, dentro do curso aplicado para a prevención e intervención en violencia de xénero. Ademais, participou na clausura e entrega de diplomas desta titulación. López Abella quixo destacar a importancia das diferentes comunidades autónomas na loita contra a violencia de xénero. Este ano, a Secretaría Xeral da Igualdade convocou prestacións periódicas para mulleres que sofren violencia de xénero por valor de 5,1 millóns de euros, a contía máis alta desde que as axudas se puxeron en marcha en 2006.

López Abella, que xa participara esta semana na ponencia Programas e accións da Xunta de Galicia contra a violencia de Xénero, incidiu na importancia da loita dende o goberno galego contra a lacra da violencia de xénero. Durante a súa intervención, a secretaria xeral fixo un percorrido polos requisitos, contías e modificacións que se teñen realizado nesta liña de axudas desde 2006. Ao respecto, sinalou que desde ese ano e ata 2018 destináronse máis de 33,6 millóns a estas prestacións, o que permitiu atender a 4.338 mulleres.

A secretaria xeral de Igualdade tamén fixo un recorrido pola Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, subliñando que a norma recolle a violencia sexual, os abusos sexuais e o acoso sexual como formas de violencia de xénero. López Abella trazou un perfil das beneficiarias destas axudas no ano pasado: o 49% residía en núcleos urbanos moi poboados, e o 25%, en zonas rurais pouco poboadas. Ademais, o 76% foron españolas e o 23% de nacionalidade estranxeira. Aproximadamente o 60% tiña algún fillo a cargo. En canto a situación laboral: un 84 por cento estaba sen emprego, de aí a importancia deste tipo de axudas económicas que permiten á muller romper coa situación de violencia.

Por último, López Abella participará na clausura e na entrega de diplomas deste curso aplicado para a prevención e intervención en violencia de xénero.