Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

Díaz Mouteira reúnese coa alcaldesa de Castro Caldelas para estudar futuros proxectos en colaboración coa Xunta

A xuntanza enmárcase na rolda de contactos cos alcaldes e alcaldesas da provincia que a delegada territorial da Xunta en Ourense está a manter desde a constitución das novas corporacións locais

Marisol Díaz bríndalle toda a colaboración e diálogo para para poder axilizar e desenvolver con éxito os asuntos municipais

Castro Caldelas recibiu dos distintos departamentos autonómicos achegas que suman máis de 1,1M€ durante o período o 2015-2019

Ourense, 5 de agosto de 2019.- A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, recibiu esta mañá no seu despacho á alcaldesa do concello ourensán de Castro Caldelas, Sara Inés Vega Núñez. Díaz Mouteira continúa así coa rolda de contactos cos rexedores da provincia, iniciada en xuño logo da constitución das novas corporacións locais, co obxectivo de facer balance da colaboración autonómica durante os últimos catro anos e estudar futuras actuacións.

Marisol Díaz lembrou que nos últimos catro anos este municipio recibiu do Goberno galego achegas por un importe de máis de 1,1 millón de euros. Así, as diferentes consellerías da Xunta concederon ao municipio de Castro Caldelas máis de 600.000 euros en materia de subvencións; case 360.000 euros en convenios; e máis de 210.00 euros pertencentes a outras actuacións.

A representante do Goberno galego recordou que Administración autonómica desenvolveu ou puxo en marcha, durante estes pasados anos, numerosos proxectos neste concello como a reforma da Casa do Concello, a mellora de infraestruturas turísticas, acondicionamento do CPI Virxe dos Remedios, rehabilitación do firme da estrada OU-903, actuacións no casco histórico dentro das axudas a ARIs, distintas iniciativas relacionadas coa prevención e defensa contra os incendios forestais, así como a posta en marcha de varios obradoiros de emprego conxuntamente con outros concellos.

Finalmente, Díaz Mouteira fixo fincapé na importancia de continuar nesta nova etapa a colaboración institucional e brindoulle a Sara Inés Vega todo o apoio e diálogo da Administración autonómica para poder axilizar e desenvolver con éxito os proxectos municipais que beneficien á súa veciñanza.