Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

Díaz Mouteira mantén un encontro coa alcaldesa de Gomesende para analizar as necesidades do Concello

Esta xuntanza da delegada territorial da Xunta en Ourense enmárcase nos encontros que está a manter cos alcaldes e alcaldesas da provincia logo da constitución das novas corporacións locais

Marisol Díaz amosa a súa vontade de seguir traballando desde o diálogo para desenvolver con éxito os proxectos municipais e reforzar a cooperación entre o Goberno galego e as entidades locais

Este concello ourensán recibiu dos distintos departamentos autonómicos achegas que suman 520.000 euros nos últimos catro anos

Ourense, 6 de agosto de 2019.- A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, recibiu esta mañá no seu despacho á alcaldesa do concello ourensán de Gomesende, Pura Rodríguez Álvarez. Esta xuntanza enmárcase na rolda de contactos cos alcaldes e alcaldesas da provincia que Díaz Mouteira iniciou logo da constitución das novas corporacións locais co obxectivo de facer balance da colaboración autonómica durante os últimos catro anos, así como analizar as necesidades actuais do municipio.

Díaz Mouteira fixo fincapé na importancia de continuar a executar proxectos de mellora no concello e brindoulle á alcaldesa de Gomesende toda a colaboración e apoio da Administración autonómica.

Marisol Díaz lembrou que nos últimos catro anos este municipio recibiu do Goberno galego achegas por un importe de 520.000 euros. Así, as diferentes consellerías da Xunta concederon ao municipio de Gomesende case 230.000 euros en materia de subvencións; máis de 170.000 euros en convenios; e máis de 120.000 euros pertencentes a outras actuacións.

A representante do executivo autonómico en Ourense subliñou que as achegas da Administración autonómica posibilitaron o selado de vertedoiros incontrolados, a reforma do centro de saúde, distintas iniciativas relacionadas coa prevención e defensa contra os incendios forestais, a posta en marcha de varios obradoiros de emprego conxuntamente con outros concellos, a mellora de camiños e doutros equipamentos municipais, entre outras actuacións.