Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

Díaz Mouteira mantén un encontro institucional coa alcaldesa de San Amaro para analizar futuros proxectos conxuntos no concello

Esta xuntanza da delegada territorial da Xunta en Ourense enmárcase nos encontros que está a manter cos alcaldes e alcaldesas da provincia logo da constitución das novas corporacións locais

Este concello ourensán recibiu dos distintos departamentos autonómicos achegas que suman 680.000 euros durante o período o 2015-2019

Ourense, 8 de agosto de 2019.- A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, recibiu esta mañá no seu despacho á alcaldesa do concello ourensán de San Amaro, María del Carmen Pérez Corral. O propósito deste encontro, como lle explicou Díaz Mouteira á recén elixida rexedora deste municipio, é “coñecer aos alcaldes e alcaldesas que exercen o seu cargo por primeira vez na provincia, co obxectivo de saber cales son as súas demandas e proxectos para os próximos meses”. Esta xuntanza enmárcase nunha rolda de contactos cos responsables dos concellos da provincia que Marisol Díaz iniciou en xuño co fin de facer balance da colaboración autonómica durante os últimos catro anos, así como analizar a marcha daqueles proxectos que está a desenvolver o Goberno galego neles.

Marisol Díaz lembrou que nos últimos catro anos este municipio recibiu do Goberno galego achegas por un importe de máis 680.000 euros. Así, as diferentes consellerías da Xunta concederon ao municipio de San Amaro máis de 236.000 euros en materia de subvencións; máis de 300.000 euros en convenios; e 142.000 euros pertencentes a outras actuacións.

A representante do executivo autonómico en Ourense subliñou que as achegas da Administración autonómica posibilitaron a posta en funcionamento dunha Casa Niño, o acondicionamento do campo da feira, traballos de consolidación arqueolóxica no Castro de San Cibrao de Lás, distintas iniciativas relacionadas coa prevención e defensa contra os incendios forestais, a posta en marcha de varios obradoiros de emprego conxuntamente con outros concellos e a mellora de estradas e outras infraestruturas públicas.

Finalmente, Díaz Mouteira fixo fincapé na importancia de continuar a executar proxectos de mellora no concello, insistindo nas “vantaxes da colaboración entre as distintas institucións, xa que sumando esforzos pódense levar a cabo actuacións que benefician directamente aos cidadáns.”