Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

Díaz Mouteira reúnese co alcalde de Baños de Molgas e bríndalle a colaboración da Xunta para seguir a avanzar no progreso do municipio

Esta xuntanza da delegada territorial da Xunta en Ourense enmárcase nos encontros que está a manter cos rexedores da provincia logo da constitución das novas corporacións locais

Este concello ourensán recibiu dos distintos departamentos autonómicos achegas que suman pouco máis dun millón de euros durante os últimos catro anos

Ourense, 9 de agosto de 2019.- A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, recibiu esta mañá no seu despacho ao alcalde do concello ourensán de Baños de Molgas, Xaime Óscar Iglesias Pérez. Esta xuntanza enmárcase nunha rolda de contactos cos alcaldes da provincia que Díaz Mouteira iniciou a mediados de xuño co obxectivo de facer balance da colaboración autonómica durante os últimos catro anos, así como analizar a marcha daqueles proxectos que está a desenvolver o Goberno galego neles.

Marisol Díaz lembrou que nos últimos catro anos este municipio recibiu do Goberno galego achegas por un importe de pouco máis dun millón de euros. Así, as diferentes consellerías da Xunta concederon ao municipio de Baños de Molgas preto de 700.000 euros en materia de subvencións; case de 200.000 euros en convenios; e máis de 100.000 de euros pertencentes a outras actuacións.

A delegada territorial indicou que as achegas da Administración autonómica posibilitaron a mellora e optimización enerxética de instalacións do alumeado público, sinalización e fomento de accesibilidade nos recursos turísticos do municipio, entre eles o Ben de Interese Cultural (BIC) de Santa Eufemia, mellora de camiños municipais e de infraestruturas de uso público, distintas iniciativas relacionadas coa prevención e defensa contra os incendios forestais, a creación dunha Casa Niño, saneamento e abastecemento nos núcleos de Pasaxe e Landeira, así como a posta en marcha de varios obradoiros de emprego conxuntamente con outros concellos, entre outras actuacións.

A representante do executivo autonómico en Ourense expresoulle a Iglesias Pérez “todo o apoio, diálogo e cooperación da Xunta” co fin de obter a coordinación necesaria coa Administración local para dar resposta ás demandas dos veciños e veciñas deste municipio ourensán e mellorar súa calidade de vida.