Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

Díaz Mouteira mantén un primeiro encontro institucional co novo alcalde de Melón e analiza as demandas do municipio

Esta xuntanza da delegada territorial da Xunta en Ourense enmárcase nos encontros que está a manter coas alcaldesas e alcaldes da provincia logo da constitución das novas corporacións locais

Marisol Díaz amosa a súa vontade de seguir cooperando coas entidades locais para desenvolver proxectos que garantan o progreso dos municipios

Nos últimos catro anos o Goberno galego destinou a Melón máis de 2 millóns de euros

Ourense, 13 de agosto de 2019.- A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, recibiu esta mañá no seu despacho ao novo rexedor do concello ourensán de Melón, Emilio Luís Díaz Vidal. O propósito deste encontro, como lle explicou Díaz Mouteira ao alcalde, é “coñecer aos rexedores que exercen o seu cargo por primeira vez na provincia, co obxectivo de saber cales son as súas demandas e proxectos para os próximos meses”.

Esta xuntanza enmárcase nunha rolda de contactos cos alcaldes da provincia que a delegada territorial iniciou a mediados do pasado mes de xuño, logo da constitución das novas corporacións locais, co fin de facer balance da colaboración autonómica durante os últimos catro anos, así como analizar a marcha daqueles proxectos que o Goberno galego está a desenvolver neles.

Marisol Díaz na súa primeira xuntanza co novo alcalde de Melón recordou os apoios de máis de 2 millóns euros que a Xunta destinou a este concello, dos que case 900.000 euros foron a través de ordes de subvencións, máis de 700.000 euros vía convenios, e pouco máis de 350.000 euros achegados ao abeiro de outras actuacións.

Dos proxectos realizados en Melón que recibiron achegas do Goberno galego, Díaz Mouteira subliñou os relativos ás actuacións levadas a cabo ao longo destes últimos anos no Mosteiro de Santa María de Melón, así como a mellora do abastecemento en Quins e no cámping municipal, o Plan hUrbe executado no Camiño Real entre os núcleos de Melón e A Ponte, a mellora de eficiencia enerxética, da rede eléctrica e do alumeado público e actuacións de prevención e defensa contra incendios

A representante do executivo autonómico en Ourense expresoulle a Emilio Luís Díaz o seu desexo de continuar a traballar de xeito coordinado coa Administración local para dar resposta ás demandas da veciñanza e mellorar súa calidade de vida.