Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta investirá máis de 100.000 euros na mellora do bombeo en Meis para dar servizo ao futuro parque acuático

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe un convenio de colaboración coa alcaldesa accidental e tenente de alcalde, Araceli Maquieira

Meis (Pontevedra), 28 de agosto de 2019. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe un convenio de colaboración coa alcaldesa accidental e tenente de alcalde de Meis, Araceli Maquieira, co obxectivo de colaborar no financiamento da mellora do bombeo para dar servizo ao futuro parque acuático e optimizar a rede para os veciños que viven na zona. Dáse así cumprimento ao xa comprometido con anterioridade.

En virtude deste acordo, a Administración autonómica aportará algo máis de 100.000 euros para abordar esta actuación, o que supón un terzo do seu orzamento global, que ascende a algo máis de 310.000 euros. O proxecto inclúe, entre outros traballos, a instalación dun pozo de bombeo, e dunha canalización de impulsión.

Este convenio inscríbese na liña de colaboración que a Xunta mantén cos concellos para axudarlles a acometer obras de interese para a veciñanza. No caso concreto de Meis, os traballos non só darán servizo á rede de saneamento da zona, senón que tamén permitirán contar coa capacidade suficiente para a construción do futuro parque acuático.

Ademais da sinatura de convenios, a Xunta pon a disposición dos concellos outras ferramentas para afondar na colaboración entre administracións, como poden ser o Fondo de Compensación Ambiental ou a orde de infraestruturas de uso público. De feito, ao abeiro destas axudas, o Goberno autonómico ten colaborado con Meis nos últimos anos noutras obras de interese como na ampliación e rehabilitación do parque infantil da Praza de España, ou noutras melloras na rede de saneamento.