Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

Díaz Mouteira mantén un primeiro encontro institucional co novo alcalde de Verea e analiza as demandas do municipio

Esta xuntanza da delegada territorial da Xunta en Ourense enmárcase nos encontros que iniciou logo da constitución das novas corporacións locais cos rexedores dos concellos da provincia

Nos últimos catro anos o Goberno galego destinou a Verea máis de 800.000 euros

Ourense, 6 de setembro de 2019.- A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, recibiu esta mañá no seu despacho ao alcalde do concello ourensán de Verea, José Antonio Pérez Valado. O propósito deste encontro, como lle explicou Díaz Mouteira a Pérez Valado, é “coñecer aos rexedores que exercen o seu cargo por primeira vez na provincia, co obxectivo de saber cales son as súas demandas e proxectos para os próximos meses”.

Esta xuntanza enmárcase nunha rolda de contactos cos alcaldes da provincia que a delegada territorial iniciou a mediados do pasado mes de xuño, logo da constitución das novas corporacións locais, co fin de facer balance da colaboración autonómica durante os últimos catro anos, así como analizar a marcha daqueles proxectos que está a desenvolver o Goberno galego neles.

Marisol Díaz na súa primeira xuntanza co novo alcalde de Verea recordou os apoios de máis de 800.000 euros que a Xunta destinou a este concello, dos que máis de 325.000 a través de ordes de subvencións, a mesma cantidade aproximadamente vía convenios, e case 150.000 euros achegados ao abeiro de outras actuacións.

Dos proxectos realizados en Verea que recibiron achegas do Goberno galego nestes últimos anos, Díaz Mouteira subliñou os relativos a melloras do abastecemento de auga a varios núcleos de diferentes parroquias, acondicionamento de camiños rurais, construción dunha EDAR para o núcleo de Bangueses de Abaixo, distintas iniciativas relacionadas coa prevención e defensa contra os incendios forestais e a posta en marcha de varios obradoiros de emprego conxuntamente con outros concellos.

A representante do executivo autonómico en Ourense expresoulle a José Antonio Pérez o seu desexo de continuar a traballar de xeito coordinado coa Administración local para dar resposta ás demandas dos veciños e veciñas e mellorar súa calidade de vida.