Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

Díaz Mouteira mantén un primeiro encontro institucional co novo alcalde do Irixo e analiza futuros proxectos en colaboración coa Xunta

A delegada territorial da Xunta en Ourense reuniuse con Manuel Cerdeira que asumiu o cargo o pasado mes de agosto, logo do falecemento do ata entón rexedor Manuel Penedo

Nos últimos catro anos o Goberno galego destinou a O Irixo máis de 1,2 millóns de euros

Ourense, 23 de setembro de 2019.- A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, recibiu esta mañá no seu despacho ao alcalde do concello ourensán do Irixo , Manuel Cerdeira Lorenzo, que o pasado mes de agosto asumiu o cargo, logo do falecemento de Manuel Penedo que levaba 32 anos ao fronte da Alcaldía deste municipio ourensán.

O propósito deste encontro, como lle explicou Díaz Mouteira a Cerdeira Lorenzo, é “coñecer aos rexedores que exercen o seu cargo por primeira vez na provincia, co obxectivo de saber cales son as súas demandas e proxectos para os próximos meses”.

Esta xuntanza enmárcase, ademais, nunha rolda de contactos cos alcaldes da provincia que a delegada territorial iniciou a mediados do pasado mes de xuño, logo da constitución das novas corporacións locais, co fin de facer balance da colaboración autonómica durante os últimos catro anos, así como analizar a marcha daqueles proxectos que está a desenvolver o Goberno galego neles.

Manuel Cerdeira explicoulle á delegada territorial que a súa intención é darlle continuidade ao labor que desenvolveu o seu predecesor e do que el tamén foi responsable na súa condición de tenente alcalde.

Marisol Díaz na súa primeira xuntanza co novo alcalde do Irixo recordou os apoios de máis de 1,2 millóns de euros que a Xunta destinou a este concello, dos que 590.000 euros foron a través de ordes de subvencións, 500.000 vía convenios, e máis de 130.000 euros achegados ao abeiro de outras actuacións.

Dos proxectos realizados no Irixo que recibiron achegas do Goberno galego nestes últimos anos, Díaz Mouteira subliñou os relativos a melloras de camiños rurais, pavimentación de vías públicas, construción dunha senda peonil na estrada OU-223, obras de mellora no CEIP, distintas iniciativas relacionadas coa prevención e defensa contra os incendios forestais e a posta en marcha dunha Casa Niño.

A representante do executivo autonómico en Ourense expresoulle a Manuel Cerdeira o seu desexo de continuar a traballar de xeito coordinado coa Administración local para dar resposta ás demandas dos veciños e veciñas e mellorar súa calidade de vida.