Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta avoga polo reforzo da educación afectiva e sexual nos centros de ensino e na familia

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na inauguración da “Xornada sobre educación afectivo sexual na era da nova pornografía”

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2019.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, instou hoxe durante a inauguración da “Xornada sobre educación afectivo sexual na era da nova pornografía” a reforzar a educación sexual na escola e na familia co obxectivo de traballar no ámbito relacións amorosas e sexuais na adolescencia para que se constrúan socialmente baixo parámetros de igualdade.

López Abella sinalou a relevancia que acadaron as redes sociais e as aplicacións móbiles nos últimos anos como espazos de relación e resaltou que nalgúns casos, estes medios amosan estereotipos de xénero. Nesta liña, incidiu en que a violencia de xénero e tamén a violencia sexual explícase moitas veces desde parámetros sexistas.

A secretaria xeral da Igualdade insistiu na necesidade de fomentar a educación sexual entre a mocidade co fin de evitar que a pornografía sexa a primeira vía de acceso ao coñecemento sobre a sexualidade e que así poida adquirir unha capacidade crítica que lle permita diferenciar a realidade desas ficcións.

A Xunta conta desde o ano 2016 co I Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos galegos, que inclúe varias medidas relacionadas precisamente coa educación afectiva e sexual.