Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta destaca o valor cultural e económico das relacións internacionais cos países da lusofonía

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, explicou hoxe que o balance da aplicación da Lei Paz-Andrade en Galicia é moi positivo

Tamén abordou os efectos beneficiosos da Estratexia Galega de Acción Exterior no seu primeiro ano e medio de funcionamento

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2019.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, destacou hoxe en resposta a unha pregunta parlamentaria que as relacións internacionais de Galicia cos países da comunidade lusófona supoñen unha grande oportunidade no ámbito cultural, polas oportunidades de intercambios e proxectos conxuntas, e económico, grazas ao enorme mercado constituído por máis dunha decena de países.

Entre as iniciativas levadas a cabo para potenciar esta oportunidade, destacou entre outros fitos a coñecida como Lei Paz-Andrade, que está a acadar un balance positivo en Galicia, co incremento de alumnado galego que estuda portugués ou co aumento de docentes.

Neste sentido, lembrou tamén que a Xunta está estudando as posibles condicións dunha integración dentro da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP).

Por outra banda, durante a súa intervención, o director xeral tamén abordou a execución da Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX) neste primeiro ano e medio de andadaura. Grazas ás súas directrices, están a rexistrarse efectos positivos na acción exterior de todos os organismos autonómicos. Neste contexto, apelou tamén a que o resto de institucións e administracións realicen un esforzo adicional de coordinación en aplicación das pautas da EGAEX.

Por último, lembrou que a Xunta segue traballando no anteproxecto de Lei de Acción Exterior, que será informada en breve polo Consello Galego de Acción Exterior (CAEX). Trátase dun texto que se está elaborando coas máximas garantías de participación e transparencia, incluíndo os trámites obrigados de audiencia pública pero tamén unha interlocución directa con todos os actores e axentes da sociedade civil que quixeron colaborar na súa elaboración.