Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta deseñará unha estratexia conxunta para facer fronte e mitigar os efectos do Brexit en Galicia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a primeira reunión do Grupo de Traballo Interdepartamental para facer un seguimento e propoñer medidas ante o Brexit

O grupo de traballo está formado por aqueles departamentos do Goberno galego onde se prevé que poida ter un maior impacto, como son Mar, Economía, Medio Rural e Sanidade

Acordouse reclamar un acordo que garanta as capacidades da pesca da frota galega que faena en augas británicas e desenvolver un cheque para cubrir gastos das empresas galegas que exportan ao Reino Unido

No eido empresarial, o Igape ofrecerá servizos de consultaría fiscal, laboral, xurídica e administrativa ás empresas galegas

Declaracións do vicepresidente da Xunta

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2019. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a primeira reunión do Grupo de Traballo Interdepartamental para avaliar a incidencia do Brexit en Galicia, órgano no que participan varios departamentos do Goberno galego, onde acordaron deseñar unha estratexia conxunta para facer fronte e mitigar os efectos do Brexit en Galicia.

Como xa avanzou o vicepresidente da Xunta a semana pasada en Madrid no pleno da Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea (CARUE), o sector pesqueiro será unha prioridade, xa que 150 buques galegos faenan en augas británicas e dan emprego a 1.700 tripulantes. O grupo de traballo solicitará ao Goberno central traballar na UE para que calquera acordo nas medidas de continxencia inclúa que a frota galega poida permanecer nos caladoiros británicos.

A Xunta tamén instará a negociar un acordo pesqueiro que garanta as capacidades da pesca con posibles axudas á frota no caso dun Brexit duro ou de producirse unha retirada do caladoiro. De darse esta situación, o Goberno galego pide que se arbitren os fondos necesarios pero sen que sexa a costa de detraer partidas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, que xa ten recursos comprometidos e asignados a outras necesidades.

A través deste grupo de traballo, a Xunta tamén reclamará ao Goberno que nas medidas de reciprocidade se garantan os dereitos dos 14.000 galegos que residen no Reino Unido, e que abranguen aspectos tan importantes como a asistencia sanitaria, a seguridade social ou a residencia. Nesta liña, demanda ademais ao Executivo central reforzar o intercambio de información durante a negociación da relación futura entre o Reino Unido e a UE.

O mercado británico é o cuarto destino das exportacións galegas . Por iso, segundo indicou o vicepresidente da Xunta, o Igape tamén ofrecerá servizos de consultaría fiscal, laboral, xurídica e administrativa ás empresas galegas.