Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta apoia a contratación de axentes de igualdade nos Centros de Información á Muller dos concellos

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, aclarou hoxe que as entidades locais tamén poden solicitar axudas para postos de dirección, asesoramento xurídico ou atención psicolóxica nos CIM

O Goberno galego conta cun decreto que regula a formación do persoal da Administración na igualdade entre mulleres e homes

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2019. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe en resposta a unha pregunta parlamentaria que a contratación de axentes de igualdade nos Centros de Información á Muller (CIM) é vontade municipal pero desde a Xunta tamén se financian estes postos ás entidades locais que o demanden.

Os concellos poden solicitar axudas para os diferentes postos de traballo nos CIM, entre eles para levar a cabo as funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero, e tamén para cargos de dirección, asesoramento xurídico ou atención psicolóxica.

Susana López Abella destacou que o persoal que atendeu os stands da campaña “Agresión OFF: Eu digo non á violencia sexual” ten que acreditar un mínimo de 200 horas de formación en igualdade entre mulleres e homes e prevención e loita contra a violencia de xénero ou unha experiencia laboral mínima dun ano neste ámbito.

A través desta campaña repartiuse material incluído no “Decálogo contra a violencia sexual: dez cousas que tes que saber” que tamén se pode consultar na aplicación institucional “Agresión OFF: Eu digo non á violencia sexual” xunto con outros consellos para evitar e prever agresións sexuais, así como para saber aonde dirixirse para maior apoio.

A secretaria xeral da Igualdade aclarou que os concellos galegos que nestes eventos queiran poñer o seu Punto Lila poden solicitar apoio a través das ordes de axudas ás entidades locais para a promoción da igualdade publicada en febreiro deste ano.

Formación do persoal da Administración

Galicia é pioneira a nivel estatal no compromiso coa igualdade entre mulleres e homes e contra a violencia de xénero e conta cun decreto que regula a formación neste eido do persoal do servizo da Administración. Tamén serán formados neste ámbito o persoal das entidades públicas instrumentais do sector público, dos centros educativos, do Servizo Galego de Saúde, ao servizo da Administración de xustiza e os funcionarios do corpo da Policía Autonómica.

Para o persoal de novo ingreso que acceda á condición de funcionario de carreira ou laboral fixo as actividades formativas para obter o nivel básico de coñecemento en igualdade serán obrigatorias.

Susana López Abella recordou que a Xunta iniciou este ano un plan de formación para o persoal dos CIM en Galicia integrado por catro xornadas. Tamén incidiu en que a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) formará aos profesionais que atenden ás vítimas da violencia de xénero e aos sanitarios, docentes e equipos psicosociais en prevención da violencia de xénero.