Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta destaca o importante labor dos Centros de Información á Muller a prol da igualdade e na loita contra a violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou hoxe a última xornada do plan de formación para persoal dos CIM, centrada nos novos programas de asistencia a vítimas de violencia de xénero

O Goberno galego remata hoxe este proxecto destinado a formar aos profesionais que traballan nos CIM sobre asuntos que tratan no seu día a día

  • O Goberno galego remata hoxe este proxecto destinado a formar aos profesionais que traballan nos CIM sobre asuntos que tratan no seu día a día
  • O Goberno galego remata hoxe este proxecto destinado a formar aos profesionais que traballan nos CIM sobre asuntos que tratan no seu día a día
  • O Goberno galego remata hoxe este proxecto destinado a formar aos profesionais que traballan nos CIM sobre asuntos que tratan no seu día a día

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2019. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou hoxe a xornada “Novos programas e cambios sociais na asistencia a vítimas de violencia de xénero”, a cuarta e última xornada do plan de formación para o persoal dos Centros de Información á Muller (CIM). Neste acto destacou o importante labor dos CIM a prol da igualdade e na loita contra a violencia de xénero na comunidade e a necesidade de formar aos seus traballadores para que poidan dar o mellor servizo ás mulleres que requiren dos servizos destes centros.

Este plan de formación tratou asuntos que atenden todos os días os profesionais que traballan nos CIM. No mes de xuño xa se impartiron dous obradoiros sobre violencia sexual e o pasado 20 de setembro abordouse a intervención profesional con persoas do colectivo LGTBI. Na xornada de hoxe ademais de darse a coñecer os programas e iniciativas contra a violencia de xénero levouse a cabo o obradoiro práctico “Psicoloxía afirmativa LGTBI aplicada aos adolescentes e aos seus familiares”, impartido polo psicólogo Pablo López.

Os Centros de Información á Muller atenderon o ano pasado a máis de 15.700 persoas a través de 68.500 consultas. Os concellos poden solicitar axudas para os diferentes postos de traballo dos seus CIM como cargos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

Galicia é pioneira a nivel estatal no compromiso coa igualdade entre mulleres e homes e contra a violencia de xénero e conta cun decreto que regula a formación en igualdade e a prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal do servizo da Administración.

Tamén son formados neste ámbito o persoal das entidades públicas instrumentais do sector público, dos centros educativos, do Servizo Galego de Saúde, ao servizo da Administración de xustiza e os funcionarios do corpo da Policía Autonómica. Ademais, a Xunta iniciou este ano este plan de formación para o persoal dos CIM en Galicia que remata hoxe coa súa cuarta xornada. O Goberno galego pretende con estas medidas garantir unha formación que permita a integración da perspectiva de xénero na totalidade da actuación administrativa.