Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta forma ao voluntariado en materia de igualdade e en prevención e loita contra a violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitaron o obradoiro que se clausurou hoxe en Santiago

Esta formación chegará a outros dez concellos ata finais de novembro e abordará a figura da persoa voluntaria no contexto da violencia de xénero, así como nos conceptos básicos, orixes e recursos existentes neste ámbito
 

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2019.- A Xunta, a través da Secretaría Xeral da Igualdade e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, puxo en marcha esta semana un programa de formación en igualdade para a prevención e o afrontamento da violencia de xénero para persoas voluntarias.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, visitaron hoxe o obradoiro que se impartiu desde o luns en Santiago de Compostela sobre a prevención, detección, apoio e acompañamento ás vítimas de violencia de xénero e que se clausurou hoxe coa entrega das certificacións.

Neste curso abordáronse conceptos como a violencia machista cara ás mulleres e as menores e o acoso sexual por razón de sexo, o acompañamento ás vítimas de violencia de xénero e ás súas familias, os recursos da Rede Galega de Acollemento e da Rede de Mediadoras, así como un módulo sobre as bases do Pacto de Estado sobre a Violencia de Xénero e un obradoiro acerca de como actuar antes casos de violencia.

Ata finais de novembro desenvolveranse outros nove cursos, para os que aínda restan prazas libres, en Vigo, Ourense, Lugo, Vilalba, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vilagarcía e Betanzos, e un impartido a través da plataforma de teleformación de voluntariado galego. Toda a programación está anunciada na páxina web de Voluntariado Galego. Os contidos destas actividades formativas dividiranse en catro módulos centrados na figura da persoa voluntaria no contexto da violencia de xénero, nos conceptos básicos en igualdade de xénero, nas orixes da violencia de xénero e nos recursos existentes, a prevención e o afrontamento da violencia de xénero e as boas prácticas.

O Plan de formación en voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para este ano inclúe ademais de formación en igualdade cursos presenciais e en liña en outras áreas como ambiental, interxeracional e xuventude.

As persoas que participen nestes cursos, que poden ser tanto profesionais do ámbito como interesados en xeral, adquirirán desde coñecementos básicos na materia ata aspectos que afectan á planificación de proxectos de voluntariado e á súa xestión e dinamización, así como diferentes metodoloxías de actuación.