Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

O xulgado de Caldas de Reis admite a personación da Xunta como acusación popular no triplo asasinato de Valga

A Administración autonómica está a manter un contacto constante coa familia prestándolles asesoramento e apoio integral

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2019.- O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 2 de Caldas de Reis vén de admitir a personación da Xunta como acusación popular no triplo asasinato de Valga do pasado mes de setembro, no que faleceron Sandra Boquete, Alba Boquete e Elena Jamardo.

Desde 2013 o Goberno galego conta cun protocolo para o exercicio da acción popular por parte da Xunta nos procedementos penais en casos de morte por causa de violencia de xénero. Co caso de Valga, son xa 17 os procedementos nos que se personou.

Ademais das accións xudiciais, a Administración autonómica está a manter un contacto constante cos servizos sociais municipais e co entorno familiar das mulleres asasinadas prestándolles asesoramento e apoio integral, especialmente aos menores que quedaron orfos.

Desde o primeiro momento, desprazouse ao lugar dos feitos o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), que presta apoio especializado en casos de violencia de xénero. Ao haber menores implicados, nese primeiro momento tamén se mobilizou o equipo de menores.

Durante este tempo, estase prestando apoio psicolóxico ao entorno familiar ao abeiro do convenio que mantén a Xunta co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, cuxos especialistas son tamén os encargados de atender aos menores.

Ademais, en virtude do convenio de colaboración asinado en xaneiro deste ano co Colexio de Educación Social, co Colexio Oficial de Xestores Administrativos e co Colexio Oficial de Graduados Sociais estase a prestar un acompañamento integral na realización de todas as xestións administrativas necesarias. Tamén no marco deste convenio, e cando o decidan os equipos sociais e psicolóxicos, activaranse un ou dous educadores sociais especializados para apoiar nas novas rutinas á familia e prestar apoio educativo aos menores.

Xa no apartado económico, os 2 menores orfos recibirán unha indemnización económica directa da Xunta de 7.000 euros cada un.