Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

Monforte de Lemos acolle o obradoiro de comercio e banca electrónica impulsado por Xunta e Unión de Consumidores de Galicia

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López, visitaron hoxe a actividade, que se prolongará durante catro sesións

A iniciativa impartirase nun total de 8 concellos

Monforte de Lemos (Lugo), 7 de outubro de 2019.- A “Escola para o apoderamento de mulleres do rural: comercio e banca electrónica” impulsada pola Xunta e a Unión de Consumidores de Galicia chega hoxe a Monforte de Lemos. Terá unha duración total de 8 horas, repartidas en catro sesións.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López, achegáronse hoxe ata a aula CEMIT do concello para visitar ás participantes. En total, a iniciativa chegará durante os meses de setembro, outubro e novembro a oito concellos. Programáronse sesións, ademais de en Monforte de Lemos, na Estrada, Ordes, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Boiro, Monterroso e Moaña.

A escola sobre comercio e banca electrónica é unha aposta pola formación en novas tecnoloxías entre as mulleres do rural galego con fin de diminuír a fenda dixital, e por fomentar o apoderamento financeiro e a autonomía económica nun contexto onde estas transaccións de bens e servizos a través da rede están á orde do día.

Así, durante o obradoiro, as participantes adquirirán coñecementos e habilidades relacionadas coa banca e o comercio electrónico, coñecerán os seus dereitos como persoas consumidoras, así como as ferramentas necesarias para exercer estes dereitos.