Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta reclama á Comisión Europea que arbitre os mecanismos necesarios para que Galicia non teña un descenso abrupto dos fondos europeos

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e polo director xeral de Planificación e Orzamentos, Miguel Corgos,mantivo esta mañá unha reunión co director xeral de Política Rexional da Comisión Europea, Marc Lemaître

Alfonso Rueda indicou que o encontro se enmarca na defensa dos intereses galegos nas negociacións do Marco Financeiro Plurianual 2021-2027

Bruxelas, 8 de outubro de 2019.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e polo director xeral de Planificación e Orzamentos, Miguel Corgos, mantivo esta mañá unha reunión co director xeral de Política Rexional da Comisión Europea, Marc Lemaître, onde o vicepresidente reiteroulle a necesidade de que se arbitren os mecanismos necesarios para que Galicia non teña un descenso abrupto dos fondos da Unión Europea.

Segundo indicou Alfonso Rueda tras a reunión, no novo escenario financeiro da UE ábrese un período complicado, no que Galicia solicita manter os fondos estruturais para o vindeiro período orzamentario e que a Comisión habilite mecanismos que permitan que o cambio de rexión máis desenvolvida a transición non supoña para Galicia un descenso abrupto do financiamento con respecto aos fondos que viña percibindo.

A Xunta apostou dende o ano 2009 pola defensa dunha axuda transitoria para as rexións que por primeira vez abandonaran a categoría de rexións menos desenvolvidas, levando a cabo unha estratexia para a defensa dunha axuda transitoria baseada na alianza con outras rexións en similar situación que a comunidade galega e un arduo traballo constante dentro do Comité das Rexións (CdR), e agora espera que o Goberno central axude ás comunidades autónomas que se poidan ver afectadas nesta baixada orzamentaria.

Alfonso Rueda incidiu en que o Goberno galego seguirá traballando arreo e velando para que a nosa comunidade siga percibindo as axudas europeas que lle corresponden no vindeiro período orzamentario e se teñan en conta o bo uso que se fai dos fondos europeos, xa que Galicia segue sendo unha das rexións que mellor os empregan.

Ao igual que ocorreu no anterior período orzamentario, a Xunta está mantendo encontros para paliar e evitar esta posible perda de fondos, onde o Goberno galego estivo ata o final loitando para que a nosa comunidade tivera unha rede de seguridade que lle permitira manter as axudas e que finalmente foi aprobada para as rexións que saían do Obxectivo Converxencia, como era o caso de Galicia. Por iso, asegura que resulta necesario articular unha axuda transitoria para as rexións europeas, unha asignación especial que compense as perdas.