Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta defende en Bruxelas a experiencia de Galicia na xestión de fondos comunitarios e a importancia da política de cohesión

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou hoxe o seminario sobre política de cohesión incluído na Semana Europea de Rexións e Cidades

O Goberno galego traballa para que as rexións que descendan de categoría como Galicia non reciban menos fondos no novo marco orzamentario a partir de 2021

O director xeral de Planificación e Orzamentos, Miguel Corgos, debateu xunto coa vicepresidenta de Norte de Portugal, Ester Silva, e representantes da Comisión Europea sobre as prioridades nas que se deberán investir estes fondos

Bruxelas, 8 de outubro de 2019.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou hoxe o seminario Política de Cohesión 2021-2027: como afrontar os desafíos globais e a necesidade de reformas estructurais, organizado pola Fundación Galicia Europa no marco da Semana Europea das Rexións e das Cidades. Na súa intervención defendeu a experiencia de Galicia na xestión de fondos comunitarios durante máis de 30 anos nos que a comunidade galega recibiu máis de 20.000 millóns e a importancia da política de cohesión.

Alfonso Rueda indicou a preocupación da comunidade fronte ao posible descenso do importe da política de cohesión a partir de 2021 que pode supoñer unha redución das asignacións ás distintas rexións, sobre todo en casos como o de Galicia que, a pesar de baixar de categoría e pasar de rexión máis desenvolvida a en transición, pode percibir menos fondos no novo marco orzamentario que no actual período de financiamento 2014-2020.

Por iso, a Xunta traballa para que as rexións que como Galicia descendan de categoría non reciban menos financiamento. O Goberno galego considera inxusto ese criterio de reparto sen ter en consideración esta situación específica porque sería contrario á esencia da política de cohesión, deixando de proporcionar máis fondos ás rexións menos desenvolvidas. A Administración autonómica confía en que poida corrixirse e reverterse a situación nas negociacións finais do orzamento plurianual da Unión Europea.

O vicepresidente da Xunta instou a priorizar as actuacións destes fondos en cada territorio debido a esta posible redución orzamentaria e explicou que a Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible e o proceso de coordinación das políticas económicas dos 27 Estados membros – o chamado “Semestre Europeo”- son dous marcos cos que se debería contar para planificar a execución dos futuros fondos comunitarios. Deste modo, abriu paso aos catro relatores que debateron sobre como compatibilizar as restricións de gasto que rexerán no próximo período: por un lado, a concentración dos fondos en actuacións tendentes a conseguir unha Europa máis intelixente e verde, e, por outro, a maior vinculación que agora se pretende co Semestre Europeo, de forma que estes fondos apoien as reformas estruturais recomendadas pola UE ano tras ano en materia de estabilidade financeira, mercado de traballo e competitividade.

Este seminario sobre a política de cohesión é un dos catro actos con participación galega nesta xornada da Semana Europea das Rexións e das Cidades. A primeira hora, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático explicou a Estratexia galega sobre Cambio Climático e Enerxía que aspira á neutralidade climática de cara ao ano 2050. A media mañá, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) organizou un seminario para dar a coñecer as ferramentas e servizos desenvolvidos por dous proxectos europeos nos que participa para expandir a innovación dixital nas pemes europeas do ámbito industrial. En paralelo, a Autoridade Portuaria de Vigo expuxo a súa Estratexia de Crecemento Azul posta en marcha en 2016 para se converter nun porto verde, conectado, inclusivo e innovador.

Contexto

A Unión Europea está a negociar actualmente o seu orzamento plurianual para os anos 2021-2027 cifrado nun billón de euros aproximadamente, que representa o 2% do gasto público total da UE. A saída de Reino Unido da UE e novas prioridades políticas como a inmigración ou a defensa fan temer un descenso das dúas políticas que acaparan case dous terzos deste orzamento: a política agrícola común e a política de cohesión. Galicia ten recibido máis de 20.000 millóns de euros procedentes desta última política desde o ingreso de España ás Comunidades Europeas en 1986.