Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta entrega equipamento para mellorar a atención en emerxencias en 12 concellos da provincia da Coruña

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, entregou hoxe en Vedra cinco vehículos pick-up e sete remolques

As Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil dos concellos de Cedeira, Carnota, Zas, Carral, Vedra, Ames, A Pobra do Caramiñal, Cee, Culleredo, Lousame, Oroso e Paderne recibiron novos equipos
 

Vedra (A Coruña), 9 de outubro de 2019.- O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, entregou hoxe cinco vehículos pick-up e sete remolques que permitirán ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de 12 concellos da provincia da Coruña reforzar o seu equipamento de emerxencias.

Desta vólta, os municipios de Cedeira, Carnota, Zas, Carral e Vedra recibiron cadanseu vehículo pick-up, mentres que a Ames, A Pobra do Caramiñal, Cee, Culleredo, Lousame, Oroso e Paderne foilles entregado un remolque equipado con material de emerxencias.
Este tipo de remolques conta para as súas funcións cun equipamento mínimo que inclúe unha electrobomba sumerxible, unha motobomba para augas residuais, xeradores de electricidade portátil, motoserra, rozadora, torre de iluminación e kit de balizamento e sinalización.

A colaboración entre a Xunta e os concellos en materia de protección civil e emerxencias permite dotar aos membros dos servizos municipais dun equipamento adecuado para realizar o seu traballo nas mellores condicións e, desta forma, prestar unha atención máis eficaz e garantir a seguridade da cidadanía.

A entrega de hoxe da continuidade á folla de ruta iniciada para mellorar a calidade de resposta e a seguridade nas actuacións de prevención de riscos e nas intervencións en emerxencias en calquera punto da comunidade galega mediante a dotación de máis material e equipamento ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e aos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES). O Goberno galego tamén mantén a aposta pola formación actualizada no eido das emerxencias que se imparte de forma centralizada desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).