Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta e Farmamundi colaboran en actuacións de prevención do ébola en Uganda

A intervención terá lugar no campo de refuxiados Kyaka II, cuxa poboación presenta un alto risco de contaxio

O Goberno galego colabora desde 2009 coa ONGD para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes naturais e humanas

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2019.- A Xunta de Galicia, en colaboración coa ONGD Farmamundi, activou o convenio de colaboración asinado entre ambas entidades co obxectivo de executar unha intervención de emerxencia no campo de refuxiados Kyaka II, en Uganda, para contribuír a previr o contaxio do ébola.

A través deste dispositivo, esperase contribuír ao control eficaz da propagación do virus neste campo de refuxiados, onde a poboación presenta un alto risco de contaxio. As actividades que se desenvolvan serán complementarias ao proxecto que xa está en curso, tamén apoiado pola Xunta, en colaboración coa ONGD Emesco Development Foundation. Con esta intervención espérase beneficiar a algo máis de 20.000 persoas durante os dous próximos meses.

A situación de conflito no leste da República Democrática do Congo (RDC) provocou nos últimos anos e meses un éxodo masivo de poboación congolesa a países limítrofes, como Uganda. Ao conflito armado úneselle unha nova epidemia de ébola, declarada en agosto na RDC, e que afecta especialmente ás rexións fronteirizas con Uganda. Desde o estalido da epidemia, Uganda está en alerta máxima dada a importante actividade transfronteiriza e o aumento da poboación refuxiada. O campo de Kyaka II, onde está prevista a actuación, acolle actualmente a máis de 100.000 persoas refuxiadas, das que o 95% proceden da RDC.

Colaborando desde 2009

Esta actuación súmase a outras que Xunta e Farmamundi realizan conxuntamente dende o ano 2009 no marco dos dez convenios de colaboración asinados para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano.

O obxecto destes convenios é o de realizar as actuacións que ambas partes acorden, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

O convenio de colaboración actívase cada vez que acontece unha emerxencia, previa negociación e solicitude por parte de Farmamundi. A activación destes convenios nos anos anteriores permitiu dar resposta inmediata e coordinada coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), e o sistema das Nacións Unidas, a diferentes emerxencias acaecidas, entre elas: os tifóns Ketsana e Haiyan en Filipinas, o furacán Ida no Salvador, o terremoto e a epidemia de cólera en Haití, a crise humanitaria en Somalia e República Democrática do Congo, as emerxencias por causa da choivas no Salvador e Nicaragua, a crise alimentaria no Sahel, a precaria situación de Palestina ou o conflito en Siria.