Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xuventude Galicia Net R reúne no Recinto Feiral Semana Verde a case un milleiro de afeccionados e profesionais da informática

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, inauguraron esta mañá a maior “party” informática de Galicia

A 19 edición do encontro sobre novas tecnoloxías e ocio electrónico contará cun 12% máis de inscritos que o ano pasado

O Recinto Feiral Semana Verde será estes días o lugar mellor conectado de toda Galicia

Alfonso Rueda defende que a Xunta cumpre o compromiso de diversificar a actividade da Semana Verde coa combinación entre as actividades tradicionais e novos eventos

Declaracións do vicepresidente da Xunta

Silleda (Pontevedra), 11 de outubro de 2019. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, inauguraron hoxe a 19 edición da Xuventude Galicia Net R Encounter que reunirá ata o domingo no Recinto Feiral Semana Verde a case un milleiro de afeccionados e profesionais da informática.

O número de inscritos medrou este ano máis dun 12% respecto á edición anterior e ratifica o evento informático como punto de encontro de referencia para a xuventude nun espazo adicado ás novas tecnoloxías e ao ocio electrónico. Tamén se duplicará a zona de realidade virtual e a velocidade de conexión convertendo estes días ao recinto feiral no lugar mellor conectado de Galicia.

Alfonso Rueda destacou que é o quinto ano consecutivo no que a maior party informática de Galicia se celebra no recinto feiral da Semana Verde, o que demostra a consolidación desta nova ubicación. Este encontro, no que se abordará a tecnoloxía desde todas as súas perspectivas, é un exemplo do compromiso da Xunta na diversificación da actividade da Fundación Semana Verde de Galicia.

Desta forma, o Goberno galego busca incluír cada ano novos eventos no calendario de feiras da Semana Verde que permitan abrir novas oportunidades e garantir a viabilidade do recinto e, ao mesmo tempo, manter as actividades tradicionais como o mercado gandeiro ou a feira multisectorial de mostras e ocio.

Á inauguración da Xuventude Galicia Net R Encounter tamén acudiron o director xeral da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; ademais do conselleiro delegado do Grupo Euskaltel, José Miguel García; o xerente da Fundación Euskaltel, Sabino San Vicente; e o director de Empresas R e Grupo Euskaltel, Isidro Fernández de la Calle.

O evento informático este ano vólvese articular nas súas tres zonas habituais: a Intranet, dirixida en exclusiva para os inscritos; a zona Extranet, aberta tanto aos inscritos como aos visitantes; e o espazo expositivo para as empresas relacionadas co material informático, as novas tecnoloxías e o ocio electrónico.

Nas actividades da zona Intranet celebraranse os concursos de arte dixital nas súas tres vertentes: creación de imaxes dixitais, música dixital e programación. Non falta tampouco o hardware, con modificación e personalización de equipos ou as granxas de impresoras 3D. Ademais, levaranse a cabo competicións para ordenador e videoconsola.

Entre os contidos da zona aberta destaca o programa de conferencias, nas que se abordarán temas como os negocios en internet, a seguridade e a privacidade na rede, os hackers ou as últimas novidades no desenvolvemento de software. Tamén terá lugar unha xornada de empresas organizada por R e obradoiros de robótica e de chovafoam ou accesorios para deseñar o vestiario de personaxes de ciencia ficción (cosplay).

A programación deste ano tamén inclúe outras alternativas de ocio, como xogos de mesa, xadrez, billar, pistas deportivas, zona de consolas, espazos de realidade virtual, campionato de karting, partidos de fútbol burbulla, un rocódromo, unha zona de rol e outra de nerf ou unha exposición de figuras de ciencia ficción.

Galicia conta este mes de outubro con outros eventos deste tipo nos que se mesturan tecnoloxía e xuventude. Por unha parte, Mocidade, un encontro entre rapazas e rapaces de Galicia-Norte de Portugal que se celebrará do 25 ao 27 deste mes na Cidade da Cultura. Outra das citas é o primeiro torneo autonómico de League of Legends (LOL) que se está a desenvolver na rede de Espazos Xoves da Xunta de Galicia.