Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta reforza a seguridade dos xulgados de Redondela con novas cámaras e sistemas de gravación

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, visitou hoxe o edificio xudicial para comprobar as melloras realizadas

A actuación inscríbese no proxecto de mellora da seguridade dos edificios xudiciais galegos incluído no Plan de Infraestruturas Xudiciais do Goberno galego

Redondela (Pontevedra), 15 de outubro de 2019.- O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, visitou hoxe os xulgados de Ordes para coñecer de primeira man as melloras acometidas pola Xunta para mellorar a seguridade do edificio. Así, xa se instalou un novo sistema CCTV, dotado de 15 cámaras (8 interiores e 7 exteriores), un monitor de 24 polgadas, un gravador, dous discos duros, dous SAI e todo o equipamento necesario para que funcione correctamente.

A Xunta está a traballar na mellora dos recursos a disposición da Administración de Xustiza de Galicia, a través dun ambicioso Plan de Infraestruturas Xudiciais aprobado en 2010 polo Goberno galego, para levar a cabo tanto grandes proxectos como outras obras de menor magnitude, pero igualmente relevantes para mellorar as instalacións.

Unha das medidas incluídas aborda a posta en marcha dun proxecto de mellora da seguridade pasiva das instalacións mediante a incorporación de sistemas de cámaras de vixilancia e de escáneres e arcos detectores de metais, actuacións como as levadas a cabo nos xulgados de Redondela.

Na primeira fase desta iniciativa instaláronse ou renováronse as cámaras de vixilancia nun total de 16 edificios xudiciais en Galicia. Estas primeiras instalacións, xa rematadas, realizáronse tanto nos xulgados das cidades da Coruña, Santiago, Lugo e Pontevedra, como nos edificios dos partidos xudiciais das vilas cun maior número de órganos xudiciais, como Betanzos, Carballo, Cangas, Vilagarcía, Cambados, O Porriño e Ponteareas, así como no novo edificio de Tui cando estea rematado.

Na segunda fase estase a abordar a instalación de cámaras de vixilancia nos edificios dos partidos xudiciais máis poboados e que contan con dous xulgados, como é o caso de Redondela. Tamén contan con novos sistemas de seguridade por albergar dous edificios xudiciais os xulgados de Viveiro, Lalín, Corcubión, Caldas de Reis, Monforte de Lemos e Ordes. O obxectivo deste proxecto é reforzar a seguridade na totalidade das principais sedes xudiciais en Galicia.

A Xunta tamén conta cun proxecto de renovación do mobiliario de oficinas e arquivos xudiciais no que o Goberno galego traballará ata 2021 coa instalación de armarios compactos móbiles nos edificios xudiciais das sete cidades e a substitución do mobiliario en mal estado de oficinas e despachos.