Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta subvenciona a 18 Anpas da provincia ourensá para programas de promoción da igualdade e loita contra a violencia de xénero

A delegada territorial en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, considera fundamental a implicación destas entidades para chegar ás familias e ao alumnado

Esta liña de axudas inscríbese no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e constitúe a primeira convocatoria destinada a este tipo de entidades

Ourense, 16 de outubro de 2019.- A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da súa xefatura territorial na provincia de Ourense, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución de axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención e loita contra a violencia de xénero postas en marcha polas Asociacións de Nais e Pais ourensás (Anpas). En total, o Goberno galego reparte un total de 57.874 euros entre 18 Anpas da provincia, das que 7 pertencen a centros educativos da cidade.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, destacou que “a Xunta considera fundamental a implicación das Anpas galegas para poder chegar ás familias e ao alumnado galego e dotalos das ferramentas necesarias para promover unhas relacións respetuosas e en igualdade que preveñan e axuden a erradicar todas as formas de violencia de xénero”.

Ao abeiro desta orde de axudas, vanse financiar programas e actividades de difusión dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarias, ás familias, ás Anpas e á comunidade educativa. Entre as actuacións subvencionables inclúense escolas de pais e nais que aborden temas de igualdade, de educación afectivo-sexual e sobre violencia de xénero; a elaboración de materiais informativos para nais e pais que lles axuden a detectar estes casos; a realización de accións de formación, sensibilización e difusión contra a cosificación do corpo das mulleres e contra a hipersexualización das nenas; a formación para pais e nais ou mozos e mozas sobre o uso adecuado e crítico das novas tecnoloxías, sobre todo no que se refire á protección da privacidade e os ciberdelitos; accións de formación coas familias e o alumnado sobre novas masculinidades ou micromachismos; e outras accións que sensibilicen sobre os estereotipos e que dean a coñecer as pautas para previr a violencia de xénero o os protocolos existentes en casos de agresións.

Estas axudas, financiadas no desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, estaban dotadas nun principio cun total de 300.000 euros. Posteriormente decidiuse incrementar a partida inicial en 80.000 euros ata os 380.000 euros paras as anpas de toda Galicia. Con esta ampliación de crédito a Secretaría Xeral da Igualdade quixo lograr amparar ao maior número posible de solicitudes, tendo en conta que esta era a primeira convocatoria que se publicaba destinada a estas entidades e, tamén, debido á elevada demanda.

Cada solicitude pode recibir un máximo de 4.000 euros se é de carácter individual; ou de 7.000 euros, no caso das peticións conxuntas presentadas por dúas ou máis Anpas dun mesmo concello ou por unha federación ou confederación de Anpas.