Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta destaca a importancia dos simulacros de incendios forestais para garantir a eficacia de resposta ante posibles emerxencias

O obxectivo destes exercicios é comprobar que todos os efectivos que participan no operativo e o equipamento empregado funcionan de forma coordinada

O Goberno galego continuará coa execución de probas deste tipo nos distritos forestais nos que aínda non se realizaron e coa divulgación de medidas de autoprotección para facer fronte aos lumes forestais
 

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2019.- O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, puxo en valor hoxe no Parlamento galego o balance positivo dos simulacros realizados ata agora do Plan especial de protección civil ante emerxencias por incendios forestais na comunidade autónoma de Galicia (PEIFOGA), porque garanten que a resposta en caso de emerxencia sexa máis precisa, eficaz e mellor coordinada que antes da realización destes exercicios.

Por iso, o Goberno galego ten previsto actualizar o Plan de forma anual a través da execución de simulacros en distritos forestais onde aínda non se realizaron e continuará coa súa labor de divulgación de medidas de autoprotección para facer fronte a este risco.

O ano pasado leváronse a cabo dous simulacros de activación do PEIFOGA en situación 2, é dicir, para incendios nos que hai poñer en práctica medidas de protección á poboación e bens de natureza non forestal. Ademais, entre maio e xuño deste ano executáronse exercicios no concello coruñés de Muros, en Baralla (Lugo), en Xinzo de Limia (Ourense) e no monte Xiabre e en Ponteareas, en Pontevedra.

Santiago Villanueva destacou que estes exercicios supuxeron un bo adestramento para os incendios rexistrados este verán na comunidade galega.

A Xunta pon a proba os seus mecanismos ante incendios forestais con estes simulacros, que permiten o adestramento do dispositivo, así como mellorar a coordinación e a resposta en casos reais mediante a optimización dos puntos fortes e a aplicación de medidas correctivas nos casos que se detecte posibilidade de mellora.

O obxectivo destes simulacros, nos que participan numerosos efectivos, é comprobar que todas as cadeas de traballo, humanas e materiais, operan con total coordinación. A atención a estas emerxencias baséanse nunha lóxica territorial, onde os medios e as operacións danse cunha perspectiva de colaboración, compartindo os actores implicados o seu coñecemento do terreo e os medios cos que traballan.

O PEIFOGA tamén inclúe medidas de divulgación e de planificación á hora de afrontar unha emerxencia. Nesta liña, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior elaborou folletos con medidas de autoprotección e consellos nos núcleos rurais, así como as normas relativas ás faixas de protección co fin de evitar a afectación de bens non forestais en caso de incendio. Estas publicacións repartíronse nos servizos provinciais de Emerxencias, entre as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e ás Xefaturas do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural.